A Mostra de Artesanía de Agolada pecha os seus postos cunha gran concorrencia de público
AGOLADA

Preto de corenta artesáns recolleron onte os seus postos dos Pendellos co fin da XXIV Mostra de Artesanía de Agolada. A xornada coincidiu coa popular Feira do Doce, un dos festexos máis importantes para a localidade. A Mostra abriuse ás 10.00 para que os asistentes puideran comezar a visitar os postos. Segundo informan desde o departamento de prensa do Concello de Agolada, o evento «foi moi ben e notamos moito ambiente os dous días da mostra».
Por segundo día consecutivo celebrouse de novo o showcooking, unha modalidade de cociña que consiste na preparación de pratos con produtos locais cos chefs Álex Iglesias e Iván Méndez. Esta actividade, que cubriu todas as prazas dispoñibles, tivo moi boa acollida entre os asistentes a pesar de non poder realizarse a tradicional degustación do menú. «A xente que acudiu estaba moi contenta, observaban e preguntábanlle dúbidas aos chefs para aplicar nas súas casas», contan desde o Concello.
A pesar do covid, o evento segue mantendo a esencia de memoria e tradición que aposta pola artesanía. Desde o Concello observan que «os artesáns repiten ano tras ano, e nesta edición viñeron con moitas ganas tras o parón da anterior polo covid». Entre os asistentes predominaron as familias ao completo. Tamén se puideron observar persoas doutras comunidades xa que «moitos fillos e netos que viven fóra de Galicia viñeron pasar o mes de agosto á aldea», contan.
A maxia foi unha das protagonistas na última xornada da mostra, xa que o mago Deimi ofreceu un espectáculo na Praza da Randulfa. Por último, a Banda de Gaitas e Baile Coribantes de Buchabade puxo fin á vixésimo cuarta edición da Mostra de Artesanía cun concerto de clausura na Praza do Concello. A programación da xornada completouse con outras exposicións na Casa Museo como a do artista José Ángel Ayude, que xa estivera presente noutras edicións da Mostra.