
Unha feira de moda sostible que aposta polas raíces e o coidado do entorno
29 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Os Pendellos de Agolada enchéronse onte de vida coa celebración dunha gran feira de moda sostible, vintage e de segunda man que baixo o título de Fiando vida emocionou apostando, como apuntaban desde a organización, polas raíces, polo coidado do entorno e pola recuperación dos saberes e tecidos tradicionais galegos.
A xornada abriuse coa benvida do actor Diego Anido. Uns 60 postos ofreceron ao nutrido público, que pese á intensa calor achegouse a Agolada, artesanía, moda e cultura. Nela se ofreceron libros, roupa de segunda man, deseños artesáns feitos con materiais como o feltro, ou bolsos con tecido reciclado. Organizada polo colectivo Agolada Viva, da Plataforma Ulloa Viva, a feira tiña tamén como obxectivo, explicaban, fiar un futuro para a zona sen Altri.
Ao longo do día houbo actuacións musicais co grupo Zoelas con Ari Vázquez, Dj Álex Mei, unha clase aberta de swing con Nati&Jose, Bico da Balouta, Davide Salvado e Fransy e Señora Dj. A feira contou con postos de comida, unha exposición de tecedeiras da Terra do Medio e varias presentacións de libros. Un deles foi o de As mulleres de Insua e o liño, de Miriam Fernández, que estivo acompañada por Manuel Otero da Terra e o de O que estou a dicir cando digo Altri non, de Xosé de Cea, que estivo acompañado por Manuel Busto do colectivo Baluarte e do escritor Carlos Negro. O programa completouse cos faladoiros Mestres de vida e Fiando tradición e saúde pola tarde e pola mañá o de Téxtil consciente que contaron coa participación de numerosos expertos.
Pola tardiña, un desfile que contou coa participación das mulleres da Terra do medio mostrou polo recinto propostas de moda. Non faltaron os obradoiros. O primeiro foi un de seda con Concha Outeiriño e Pepe Vieito, un taller infantil de reciclaxe, outro de impresión botánica, un de fiadeiro titulado Da ovella o nobelo, un de bolso upcycling, así como actividades como a realización dun mural, unha exposición que recollía a memoria das costureiras da Ulloa para rematar coa proxección dunha película ao aire libre.
Unha xornada de festa e reivindicación que coincidiu coa apertura do programa das festas de Agolada na honra de San Pedro e San Pablo que se abriron onte pola noite con cantos de taberna polos establecementos de hostalaría de Agolada e coa actuación, dende ás 22.00 horas, do grupo de música tradicional Bico da Balouta.