Medio século da graduación no instituto Aller de Lalín

Daniel González Alén

LALÍN

Daniel González Alén

01 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A pasada fin de semana unha vintena de ex-alumnos do instituto Ramón Mª Aller Ulloa de Lalín celebraron o 5O aniversario do súa graduación con diversas actividades. O punto de encontro foi o Pazo de Liñares, onde visitaron as instalacións deste senlleiro monumento dezao que acolle varias exposicións permanentes e que moitos deles residentes fora da comarca non tiveran ocasión de ollar. De seguido na mesma parroquia de Prado, foron ao Muíño de Cuíña, o único da comarca que se encontra na actualidade en funcionamento e mesmo foi ampliado de dúas a sete moas tradicionais polos seus propietarios.

Neste marco rural e agrario, fixeron varias fotos quizais lembrando a modalidade agrícola gandeira daquel Instituto Laboral que comezara a funcionar na capital da comarca no 1954 con maioría de alumnos procedentes das parroquias labregas dos seis concellos dezaos. Nas dependencias do mesmo muíño e por invitación do compañeiro Eladio Cuíña, degustaron unhas típicas empanadas de Deza e un acreditado viño do Ribeiro que amenizaron os gaiteiros Os Xuncos de Santiso.

A xuntanza rematou cun xantar de confraternidade nun restaurante da vila e un paseo polas rúas e edificios que medio século antes foran escenarios do estudio e lecer daqueles mozos que dende entón, non perden ocasión para xuntarse e compartir lembranzas e unha amistade de ouro, que non fai mais ca medrar co decorrer dos anos.

Décima promoción

Sesenta e nove alumnos comezaran naquel curso 1963-64, conformaban a décima promoción do Instituto Laboral inaugurado en 1954 con alumnos dos seis concellos de Deza, os mais deles do rural. Estudar daquela supoñía un importante esforzo económico para as familias o que xunto coa anguria de instalacións e becas, facía que moitos tiveran que deixar os estudos, de xeito que só vintedoús rematarían os cinco anos que duraba aquel bacharelato que logo tiña complemento superior para os maís deles, con outros dous cursos en Medina del Campo, Betanzos ou Vilagarcía de Arousa.

Daqueles mozos graduados no ano 1968 que agora gozan da xubilación, media ducia adicáronse a docencia, outros tantos traballaron na empresa privada, tres exerceron coma funcionarios, tres a profesións liberais e tan só un ao sector agrario malia ser esta a especialidade do Instituto de entón. Máis da metade son dabondo coñecidos na comarca por residir e exercer aquí as súas profesións; outros procuraron futuro por España adiante pero ningún tivo que emigrar ao estranxeiro.

Os participantes

Van aquí en orde alfabético como se estilaba nas listaxes académicas de entón, os nomes destes dezaos que fican comprometidos a seguir coa xuntanza anual mentres teñan folgos para elo: Eladio Cuíña, Xosé María Facal, Angel Fernández Nuñez, Benedicto Fernández Failde, Daniel González Alén, Xosé González Carrón, Luis González González, Xosé González Palmoú, Florentino López Prieto, Antonio López Vila, Antonio Mámoa Rodríguez, Xesús Palmoú Lorenzo, Xosé Antonio Penide Verde,Antonio Riádigos González, Jorge Taboada González, Eladio Trabazo Méijome , Xosé Vázquez Moreiras, Xosé Villamayor Louzao, e Xesús Villanueva Saavedra. E tamén os dos tres falecidos anos atrás: Xulio González Carrón, Pablo Fernández Vázquez e Manuel Amorín Bernardez, que ficaran para sempre na memoria dos que foron os seus compañeiros naqueles inesquecibles anos.