Mozos comprometidos na defensa dos dereitos humanos e impulsando clases sen fume, dende as aulas do Laxeiro

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

07 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O departamento de Orientación do IES Laxeiro de Lalín, en colaboración cos titores de distintas materias que se imparten no centro, están levando a cabo unha serie de proxectos; menos dos desexados -recoñecen- pola situación pandémica, nos que se están implicando alumnos de diferentes cursos. Así, os de 1º e 2º da ESO recibirán tamén nesta xornada a visita da doutora Victoria Aldea Míguez, responsable do programa Clases sen fume na provincia, para remarcar entre os chavales a conveniencia de non fumar e aportarlles unha serie de pautas para previr posibles hábitos tabáquicos. O centro recolleu varios premios en cursos pasados por traballos realizados nas aulas contra o tabaquismo.

Por outra parte estanse a desenvolver dende Orientación dous proxectos máis, cuxos resultados se coñecerán na terceira avaliación deste curso, e que están vencellados aos dereitos humanos e a visibilizar os compromisos da mocidade. Oito grupos da ESO están tomando parte no Loco Festival de Acnur, un proxecto educativo impulsado polo comité español para concienciar ao alumnado sobre a situación das persoas refuxiadas e a importancia de activarse na defensa dos dereitos humanos. Loco Festival prantexa unha aprendizaxe-servizo que fomente a educación en valores, e niso está o alumnado do IES Laxeiro debullando toda a temática relacionada cos refuxiados, a súa situación nos campos e as súas inquietudes.

Baixo o nome de Xóvenes Comprometidos agóchase outro proxecto no que os mozos participantes pretenden ensinar que non toda a mocidade é sinónimo de botellón, de festa ilegal ou de ser un nini. Os chavales do centro lalinense que participan neste proxecto pretenden deixar constancia, a través de marca páxinas de pequeno formato, que a xuventude tamén despunta en ciencias, literatura ou arte. Un xeito de que se visibilicen os amplos potenciais e versatilidade que posúen os mozos estudantes.