
O formato curto do certame literario «Letras para asubiar» do colectivo lalinense animouna a concursar por vez primeira
05 jun 2021 . Actualizado a las 08:55 h.Sempre paga a pena ler as informacións, entrevistas e as reportaxes da xornalista María Hermida nas páxinas de La Voz de Galicia, pero menos habitual é atoparnos coa súa participación nun certame literario. Pero nesta ocasión fíxoo, e acadou o primeiro premio; na categoría de adultos, no que lanzou a Asociación Cultural Chorima de Lalín, cun relato titulado «Auroriña» cuxos galardóns se entregarán hoxe na Biblioteca Varela Jácome.
-A falta de tempo freou a participación en certames?
-Non sei se por falta de tempo ou por preguiza directamente (risa). Foi unha casualidade... Vin a convocatoria, e animeime por ser un formato moi curto, pero sobre todo polo feito de que era un colectivo cultural o que o facía e é marabilloso ver asociacións que fagan cousas pola nosa lingua; que tan maltratada está e que a defendan. Creo que é necesario que apoiar este tipo de iniciativas.
-A primeira participación nun certame literario coincide con que a convocatoria xurde nas terras do Deza.
-A terra sempre está presente (risa). Vivo en Vilagarcía desde hai uns anos pero son da comarca do Deza, concretamente de Rodeiro. Son de Camba que é o mellor sitio do mundo para falar galego, alí fálase un galego ben puro.
-Que esconde «Auroriña»?
-Esconde a realidade do maltrato machista, sexista ou da violencia de xénero que está tan presente en todos lados e que cada día hai que reivindicar con máis forza, sobre todo neste momento en que algúns e algunhas se empeñan en negar cando é unha lacra social. É algo que debería de estar considerado como terrorismo. Penso que o é. Cada día morren mulleres en todo o mundo, cada día hai mulleres maltratadas, e é unha realidade terrible. Creo que todos os que teñamos un altofalante, por pequeno que sexa, temos a obriga de tratar este tema. Do xeito que sexa. Como nai de dúas fillas é o problema que máis me preocupa para elas, e iso me saíu así de dentro.
-Ou sexa que Auroriña é unha muller maltratada.
-Maltratada como outras moitas, e é do rural. Ambas cuestións creo que implican máis gravidade. O maltrato dáse nas cidades pero no rural queda moito por denunciar. No rural coñecémonos todos e podemos axudar aos que sofren violencia. Tender a man a unha veciña e non mirar para outro lado é a actitude. Todos sabemos quen é a veciña que o pasa mal e temos que usar esa proximidade para axudar.
-A estrea en certames foi de dez. Haberá máis participacións?
-As miñas fillas queren que escriba máis despois desta experiencia (risa). Xa veremos.