
Entregados os premios do certame, con 31 locais participantes
10 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén participou onte na entrega dos premios do primeiro concurso de escaparates de Aldeas do Nadal que promoveu o Concello de Lalín en colaboración co Centro Comercial Aberto da vila, e que contou co apoio da Xunta de Galicia.
Un certame no que participaron un total de 31 establecementos comerciais da localidade, e cuxas propostas gañadoras foron para a tenda de María Pájaro polo seu conto de O quebranoces e o Rei dos ratos que acadou o primeiro premio, e para Fotografía Bernabé que coa presentación da historia de Pinocho se fixo co segundo posto. A tenda gañadora recibe 500 euros e Aldeas de Nadal faralle o escaparate do ano que vén, e o segundo premio está dotado con 500 euros. Con moita ilusión acolleu María Pájaro o primeiro premio do certame a tan só tres meses de abrir o seu negocio. «Imaxinaba que os que levan media vida nas súas tendas terían máis posibilidade de ser os premiados», comentou. Aínda saboreando o premio, María agradece os apoios recibidos e parabeniza a iniciativa levada a cabo no pobo. «Os escaparates a as Aldeas de Nadal deron moita vida ao pobo, e prantexar este certame foi unha idea moi interesante». Toca agora sacar o quebranoces pintado a man, e as bolas con papel de seda xunto aos máis de mil alfiletes.
Salientar tamén que as propostas feitas polos establecementos Teleseita, Clochett e El Vestidor de Chloé recibiron mencións por ser as que máis puntos acadaron despois das dúas gañadoras anteriormente mencionadas.
No acto de entrega dos galardóns o director xeral puxo en valor o éxito desta iniciativa levada a cabo nas datas de Nadal, con participación de 31 locais, e que se complementou con catro escaparates baleiros nos que se recrearon diferentes escenografías, que captaron a atención de veciños e visitantes. Lembrou tamén Gabriel Alén que ao tecido comercial participante se lle impartiu un curso de balde sobre escaparatismo, e subliñou que este tipo de accións contribúen a estimular as vendas do comercio local.
Un acto de entrega de premios ao que asistiu tamén a tenente alcalde de Lalín, Paz Pérez, as concelleiras, Karen Fernández e Beatriz Canda, a secretaria técnica da AED, Chus García, e o director técnico das Aldeas de Nadal, Luchi Iglesias, xunto coas galardoadas neste certame.