Esta vida non chega a netos

Alba Forno

LALÍN

22 feb 2025 . Actualizado a las 13:10 h.

Di miña avoa que non están os tempos para ter fillos e, en Galicia, abofé que ten razón. Recentemente, os datos revelan que a natalidade en España medrou lixeiramente por primeira vez en máis dunha década, pero en Galicia seguiu baixando máis dun 4%, sendo a comunidade coa peor taxa. Isto reflicte a realidade que vivimos, especialmente en Lalín, onde as políticas do Partido Popular esqueceron o fomento da natalidade e os servizos básicos para as familias.

Como imos ter fillos se non hai pediatras suficientes para atender a nosa cativada? As prazas en escolas infantís públicas son insuficientes, os servizos de conciliación non cobren a demanda e conseguir unha vivenda digna é case unha utopía para a mocidade. Ademais, en Lalín, a situación agrávase coa falta de apoio ás familias numerosas e coa parálise do desenvolvemento industrial e a xeración de emprego.

De nada serve unha cesta con "cremiñas" polo nacemento.

As administracións deben estar ao carón das familias durante todo o percorrido, dende o acceso á vivenda ata servizos sanitarios axeitados e programas efectivos de conciliación. Vimos dunha xeración de "supernais" que traballaban longas xornadas para sacar adiante os seus fillos e fillas. Agora, os tempos mudaron e non podemos seguir pedindo que as familias renuncien a todo para criar fillos.

Se nada cambia, Galicia seguirá avellentando e, como din The Rapants, esta vida non chegará a netos.

*Alba Forno é voceira municipal do PSdeG-PSOE en Lalín