Arianna Cambeiro, membro de Cirla: «Os intercambios son máis que recomendables para a mocidade»
LALÍN

O medo ao idioma do país de destino frea a participación de máis mozos nas viaxes
08 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A súa paixón polas viaxes, por coñecer outras culturas, adquirir novos coñecementos e un pequeno empuxón dun par de amigos levou a Arianna Cambeiro Saa (Rodeiro, 2005) a experimentar cos intercambios, que promove o Comité de Irmandamento de Lalín (Cirla). Unha delegación lalinense que está agora mesmo xestando a participación de oito mozos no encontro anual da mocidade, que organiza a Federación dos Linden, da que forma parte Lalín e que terá lugar este verán na localidade austríaca de Saint Georgen am Walde, e para a que Arianna formalizou a súa inscrición.
—Como chega ao Comité de Irmandamento de Lalín?
—Por uns amigos que levaban anos en Cirla, e participaran en varios intercambios. A súa experiencia fora moi boa, animáronme a anotarme, fíxeno e recoméndoo a todo o mundo.
—Que lle aportaron as viaxes?
—Moitísimo. Coñecementos, outras culturas, estilos de vida moi diferentes aos nosos. Os intercambios son máis que recomendables para a mocidade. É máis, penso que todos deberían de anotarse e vivir esa experiencia.
—Algúns son moi remisos a facelo, que pode estar detrás desa decisión?
—Penso que o principal motivo que frea esa decisión é a falta do coñecemento de idiomas, e iso non pode ser unha barreira. Co básico dun idioma entendémonos perfectamente no país ao que vaiamos, e logo están os monitores que nos acompañan —no caso dos encontros aos que acode Cirla— que nos brindan axuda en todo aquilo que precisamos. Que ninguén se quede sen esta experiencia marabillosa por unha cuestión do idioma, que tamén isto serve para perfeccionar o inglés que é no que nos expresamos habitualmente neste tipo de intercambios.
—Cal foi o seu primeiro país de destino?
—Irlanda. Fun cunha beca Eurolingua da Xunta de Galicia, e a experiencia foi marabillosa. Disposta a repetir cando sexa (ri)! Posteriormente tiven a ocasión de viaxar a Bélxica, e seguidamente ás xornadas europeas que se celebraron en Alemaña, e agora pendente de se poderei estar en Austria.
—Nos intercambios de mozos europeos abórdanse temáticas de actualidade que son tratadas polos participantes dos distintos países. Que trataron en Bélxica?
—O encontro versou sobre saúde e deporte. Fixemos actividades deportivas, e puidemos comprobar que había países máis sans que outros, aínda que en xeral o concepto de saúde e deporte estaba presente en todos os equipos participantes. Nós eramos, non vou dicir un exemplo, pero si que os nosos hábitos son bos e practicamos deporte.
—Partimos sempre de acollementos en familias.
—Así é. A miña experiencia nese eido tamén sempre foi positiva. Cada familia ten obviamente as súas rutinas, pero é cuestión de empatizar uns e outros.
—Pero algunha cuestión lle resultará chocante?
—Os horarios (ri). Xantar ás 12 do mediodía e cear ás cinco da tarde para nós non é algo habitual, pero en Bélxica como noutros países europeos é o normal. Ao xantar tan cedo o día semellaba que non acababa máis, pero tamén se fai súper raro non ver a ninguén pola rúa ás sete da tarde. Os hábitos son diferentes, poden gustarche máis ou menos, pero é un xeito de mergullarte na súa cultura. Cando eles viaxan aquí pásalles o mesmo: cear ás nove da noite, como facemos moitos de nós, ou xantar ás tres non entra dentro do seu modo habitual de vida. Son conceptos diferentes pero iso é o que nos enriquece: coñecer outras culturas, outros estilos e adquirir moitos novos coñecementos.
«A conciencia medioambiental que teñen países como Bélxica é envexable»
As estancias noutros países europeos permitiulle a Arianna comparar actitudes, como a boa práctica medioambiental, que comprobou en Bélxica. «Alí hai máis bicis que coches, e os que circulan polo país son eléctricos ou híbridos. Os belgas teñen unha conciencia medioambiental que é envexable. Sorprendeume, gratamente por certo, que van a todos os sitios en bicicleta. Reciclan moito mellor ca nós, e cada familia conta con colectores específicos nas súas casas para reciclar absolutamente todo: cartón, vidro, orgánicos.... Reciclan ao 100 %. Niso temos moito que aprender», reflexiona Arianna.
Esta moza de Camba, cuxos pais están vinculados ao sector primario; atendendo a súa nai unha explotación de vacas e o seu pai traballando de leiteiro, puido comprobar «que aquí facemos un consumo desorbitado de carne respecto de países como Bélxica, onde se aposta máis polas verduras, as legumes e as froitas. Aquí comemos carne practicamente ao xantar e á cea, e así toda a semana. Pois mira, os intercambios tamén nos permiten incidir nos costumes alimentarios doutros sitios», engade.
No desexo de Arianna Cambeiro está seguir tomando parte nestas actividades de aprendizaxe, e pedindo «que todos os concellos conten cunha oferta destas características para a mocidade, tamén os pequenos como Rodeiro, xa que son unhas oportunidades extraordinarias para a xente moza». Propón tamén a maiores ampliar prazas e idade de participación, «son oito as persoas que poderán asistir ao encontro anual de mozos en Austria, xunto con dous monitores, e as idades van desde 15 a 20 anos. Xa me gustaría que houbese máis prazas dispoñibles e que a idade de participación se ampliase aos 22 anos, creo que sería perfectamente razoable».