O albergue de Mouriscade amplíase a servizos de cátering e restaurante

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Adrián Freiría

José Antonio Asorey Torres fíxose coa concesión da edificación lalinense, xunto coa área recreativa que o circunda, con 80 prazas en comedor e 55 para durmir

18 mar 2025 . Actualizado a las 20:16 h.

O Albergue Xuvenil de Mouriscade, propiedade do Concello de Lalín, que leva o nome do finado militar Vicente Agulló dende setembro do 2003, atópase estas semanas en pleno proceso de acondicionamento e posta a punto para iniciar unha nova etapa. Da man do restaurador local José Antonio Asorey Torres, que acadou a concesión das instalacións, comeza un novo proxecto no que o servizo de cátering e restaurante serán algunhas das ofertas dispoñibles.

O primeiro paso deste ambicioso proxecto deseñado polo empresario Asorey Torres céntrase no acondicionamento de todo o albergue, e da área recreativa próxima á instalación cuxa concesión tamén contempla. «Agora mesmo estamos limpando, pintando, podando e deixando todo en perfecto estado xa que, aínda que se usaban as instalacións para os campamentos, precisaban de un amaño». A previsión é poder acoller aos primeiros visitantes ou comensais dentro dun mes, xa que o albergue tamén porá a disposición do público un servizo de cátering e de restaurante. A oferta de restauración que brindará José Antonio, un home que leva máis de trinta anos no sector, está moi clara; «imos explotar o albergue como tal, pero a maiores teremos restaurante, faremos comida para levar por encargo e tamén se poderán celebrar aquí todo tipo de eventos, dende bautizos, primeiras comuñóns, aniversarios... O sitio é absolutamente envexable para organizar calquera tipo de celebración». Refírese á área recreativa, próxima ao edificio principal no que se sitúan as cociñas e as prazas de albergue, na que ten a intención de emprazar carpas para eventos; tanto na primavera coma no verán. «O muíño, que está tamén dentro da concesión do albergue, xa está en condicións para ser visitado e a zona recreativa estamos rematando o seu adecentamento. Penso que hai poucos espazos que teñan tantas posibilidades como Mouriscade para disfrutar do entorno e para facer unha festa», comenta con entusiasmo.

As instalacións continuarán funcionando como albergue xuvenil, será centro de referencia para os campamentos de verán pero tamén para acoller aos peregrinos que camiñen cara a Compostela. «Só terían que desviarse uns 2,5 quilómetros de Botos, por onde pasa o Camiño, para pernoctar aquí, e na nosa intención está poñer unha furgoneta á súa disposición que os recolla pola zona de Botos e que veñan disfrutar das nosas instalacións».

O novo proxecto empresarial de José Antonio Asorey supón tamén unha aposta pola empregabilidade local, coa contratación inicial de dúas persoas, «á espera de ver como arrinca todo e das necesidades que se vaian prantexando unha vez que isto comece a funcionar», explica. O albergue lalinense, que conta cun máximo de 80 prazas en comedor e 55 nas instalacións interiores, inicia unha nova andaina despois de ser usado sempre ata a data como centro de acollemento na celebración de cursos de monitores de tempo libre, de campamentos de verán e nos intercambios de mozos europeos nos encontros propiciados pola Federación dos Linden.

De Baleares a Burgos e Menorca, 30 anos na cociña

José Antonio Asorey Torres pon en marcha este novo proxecto cunha ampla bagaxe profesional, vinculada ao eido da restauración. Ás costas máis de 30 anos traballando na cociña en Baleares, Menorca, Burgos, Portomarín e Lalín onde se fixo cargo ao longo de varios anos do Restaurante Onde Antonio, no Polígono 2000, antes de emprender agora esta nova andaina no que a comida tradicional continuará sendo o seu selo de identidade. Experiencia palpable tamén no eido do cátering, despois de atender no pasado abril a tres grupos de peregrinos, máis dun cento de persoas.