Unha xuntanza con amigos para pasar uns días de festival foi suficiente para que un grupo de cociñeiros se animase a celebrar o seu propio encontro na súa vila. Estamos a falar do Coacharela Fest, unha idea que naceu hai un ano cando os amigos asistían ó Festival PortAmérica e que mesturará música, actividades e gastronomía este sábado 2 de agosto na barrio da Cacharela de Lalín. «Quixemos facer un PortAmérica de barrio», apunta Cris López, cociñeira da Taberna Alola e unha das organizadoras desta xornada festiva.
A cita comezará o sábado ás 12.00 horas, momento no que se procederá á venda dos tickets. Ao longo do día poderase gozar de dúas coctelerías, unha ao mediodía e outra pola noite, así como dunha cata de viños e maridaxe de queixos. O punto forte do encontro é a gastronomía, que non pasará desapercibida, ao igual que os cociñeiros participantes. Realizaranse tres turnos nos que cada cociñeiro ofrecerá cen unidades da súa tapa ao público. O primeiro turno estará ao cargo dos cociñeiros Alex Iglesias e Andrea Lago, de 13.30 a 16.30 horas; o segundo de Álvaro Sánches, Pablo Jordedo e Bárbara Otero, de 19.30 a 22.00 horas; e o último estará protagonizado por Diego López e Cris López, de 22.30 a 00.00 horas. Tal e como indica a propia Cris López, as tapas que estarán á venda en cada turno son limitadas, polo que recomenda decidir con antelación cáles se desexa para evitar que se esgoten antes de poder mercalas.
A música tampouco pode faltar nun festival, e o Coacharela Fest conta con varios DJ que amenizarán a xornada, así como con outras actuacións e espectáculos nos que participarán invitados sorpresa. A música estenderase ata pasada a medianoite, arredor da 01.30 horas. O festival ofrece múltiples espazos para pasar o día como o punto de Bling Bling onde poder customizarse, un punto doce onde mercar un xeado, un photocall e unha zona de chill out, para aqueles que precisen tomar un descanso deste intenso día.
Espérase moita afluencia neste evento, que dende que foi anunciado en redes sociais suscitou un gran interese no público.