
Unhas 2.500 persoas daranse cita na Carballeira do Castro para o xantar
02 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Un dos puntos fortes da nosa terra e a tarefa que non pode quedar pendente para aqueles que a visitan é sen dúbida a gastronomía e os pratos típicos de cada lugar e cultura. Máis alá dos populares de cada zona, un dos elementos máis típicos ao longo do país é a tortilla de pataca. Con ou sen cebola, moi feita ou máis crúa, con máis ou menos ingredientes, son múltiples as variantes deste alimento que non pode faltar nas casas dos españois, e nos menús dos visitantes.
Esta combinación de ovo e pataca é a protagonista esta fin de semana en Laro (Silleda) onde se celebra hoxe a Romaría da Tortilla, coincidindo cos festexos na honra ó Divino Salvador. Este encontro tan popular nos últimos anos e declarado festa de Interese Turístico Galego, volta un ano máis á Carballeira de Castro para dar de comer a unhas 2.500 persoas que segundo apunta Iván Calvo, membro da organización, xa chamaron para reservar sitio para xantar. Na xornada de onte xa comezaron cos preparativos, incluíndo a montaxe das mesas e cadeiras que xa están listas na parroquia silledense para eses milleiros de persoas que agardan con ansia a degustación do prato estrela do día.
A tortilla non faltará neste encontro, no que se conta con arredor de 800 unidades, sumando as 400 encargadas pola organización, e aquelas realizadas polas familias colaboradoras. Ademais de cantidade, tampouco faltará variedade e opcións para todos os gustos, xa que os cociñeiros non escatiman cos ingredientes. Dende aquelas máis típicas, con ovo e pataca, ata outras ás que engaden todo tipo de produtos como chourizo, carne, bacallau, pemento, etcétera. «Hai moito repertorio, a tortilla é un elemento que acepta de todo», sinala Iván Calvo.
Actuacións musicais
A música tamén estará presente ao longo do día, comezando coa sesión vermú tras a misa solemne das 13.00 horas, que estará amenizada polo Solista Pablo. Despois do xantar, os asistentes gozarán das actuacións da charanga Os Charanghaitos, o grupo de gaitas Os Trasnos e a charanga Os Atrevidos. Dende a organización agardan que a franxa de maior afluencia sexa a hora do xantar, aínda que «moitos dos que van a xantar xa se quedan para a noite», apunta Iván Calvo.
Isto débese a que a troula continuará tras a tarde, co solista Pablo a Orquestra Costa Blanca e unha discoteca móbil ó cargo da verbena.
Con esta poñerase peche a esta cita festiva e de degustación gastronómica que se celebra unha edición máis en Laro, cunha asistencia, que se mantén moi alta ano tras ano.