CCompromiso por Lalín quere expresar a súa profunda consternación e firme condena ante a grave situación humanitaria que está a vivir o pobo palestino na Franxa de Gaza. Os continuos ataques, o bloqueo prolongado e a destrución sistemática das infraestruturas esenciais están provocando unha crise sen precedentes, que vulnera de maneira flagrante os dereitos humanos máis fundamentais. A nosa condena á ao xenocidio perpetrado polo sionismo, liderado por ese criminal de guerra chamado Netanyahu. Manifestamos a nosa solidariedade coas vítimas civís, especialmente coa poboación infantil, as mulleres e as persoas maiores, que están a sufrir as consecuencias máis devastadoras deste conflito. A falta de acceso a auga potable, alimentos, asistencia sanitaria e protección básica constitúe unha traxedia que a comunidade internacional non pode ignorar.
Desde Lalín, como partido político comprometido coa xustiza, a paz e os dereitos humanos, esiximos: O cese inmediato das hostilidades e a protección da poboación civil; a entrada urxente de axuda humanitaria sen restricións; o respecto do Dereito Internacional Humanitario por parte de todas as partes implicadas; e a intervención decidida da comunidade internacional para poñer fin á ocupación e avanzar cara a unha solución xusta e duradeira que respecte os dereitos do pobo palestino.
Compromiso por Lalín únese ao clamor global pola paz e fai un chamamento a todas as institucións e gobernos para que actúen con responsabilidade e humanidade.