Cuíña tilda de complexa a situación económica do Concello pola aportación ao Edil, que se engade á actual débeda
LALÍN
O Concello de Lalín terá que facer fronte a unha aportación económica de posiblemente algo máis de 5 millóns de euros para materializar os proxectos europeos solicitados, cun custe total de 9,6 millóns. Unha situación económica que para o coordinador de Compromiso por Lalín (CxL), Rafael Cuíña, é complexa, según avanzou onte en Radio Voz. «Ao final coas certificacións entendo que as aportacións serán do 50 / 50 e suporán 5,2 ou 5,3 millóns, que engadidos aos case 10 millóns da última liquidación deixan as arcas municipais nunha situación complexa».
Asegurou Cuíña que detrás desta avaliación non hai unha crítica senón unha mera análise da situación actual, e do panorama que se abre nun momento en que se están elaborando tamén os orzamentos «e que creo que afectará á hora de poder facer fronte a certas cuestións, xa que hai que tirar de recursos para eses proxectos europeos». Co gallo de coñecer a liña de traballo, e en aras de contar con máis información, o político lalinense apela á celebración dunha xunta de voceiros «para dar a coñecer o vieiro financieiro para os próximos anos».
O coordinador de CxL dixo ser consciente da necesidade de redefinir os proxectos presentados, ao non obter Lalín a totalidade dos fondos solicitados que sumaban 15 millóns, «ou se algún proxecto ten que caer, deixalo caer, ou se hai que gardalo tamén. O que creo é que hai que buscar equilibrio entre o rural e o urbano, cunha axenda urbana que é fundamental, que pactamos co goberno, e que está deseñando o Lalín dos próximos 30 anos».
Por outra parte a formación política elevará ao pleno a través dunha moción que se aumenten as axudas ás bases dos clubes deportivos do municipio. Máis de mil chavales practican algún tipo de actividade deportiva, «sendo positivo desde o punto de vista da saúde mental, culturalmente, deportivamente e tamén para a conciliación». Axudas que establecería o goberno en función da súa dispoñibilidade, «pero que pensamos que é prioritario facelo. A Estrada destinou 104.000 euros ao deporte, Lalín 70.000 e semella que hai vontade de aumentar as contías».
«As festas non son para irse, son para festexalas»
O debate aberto por Rafael Cuíña sobre os festivos locais de setembro con motivo das festas patronais, e a posibilidade de mudar un para a Feira do Cocido, está dividindo a opinión dos lalinenses. «Un 70 % non quere que se mova nada, e un 30 % busca un cambio, pero non vou dar contra un valado por este tema. O que penso é que as festas non son en teoría para irse e para marcharse de vacacións, senón que son para festexalas», sentencia o político lalinense. Insiste en que deberían explorarse outras opcións para que non acaben desaparecendo os festexos patronais. «Algunhas decisión que tomei sendo alcalde viñeron para quedarse. Os cambios poden custar, pero se a xente quere deixar morrer as festas xa é unha cuestión de quen o decida nese momento».