A campaña de reciclaxe está suscitando interese nos veciños
13 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A campaña de reciclaxe de orgánicos posta en marcha polo Concello de Lalín está espertando moito interese na veciñanza, que está acudindo masivamente á oficina agraria para formalizar a súa adhesión ao programa e recoller o material para depositar os biorresiduos. Na xornada de inicio de entrega dos caldeiros domésticos para comezar a reciclar restos orgánicos entregáronse máis de 50 unidades, como avanzou o técnico de medio ambiente Xosé Manuel Méndez. Pequenos recipientes marróns que van destinados, lembrou, aos veciños residentes no casco «que se comprometen a facer unha recollida especializada, e aos que lles entregamos o caldeiro, bolsas compostables e a chave coa que poderán abrir os contedores exteriores aos que levarán os restos, e que se ubicarán fundamentalmente naquelas zonas nas que se rexistre unha maior demanda de veciños interesados en reciclar».
O técnico lalinense insistiu no feito de que as bolsas nas que se depositen os sobrantes da cociña, cáscaras de ovo, pousos de café ou bolsiñas de infusións teñen que ser sempre compostables, «non serven as bolsas normais de plástico que non se compostarán. Haberá que usar sempre estas». Lembrou tamén que todos os que formalicen a súa participación nesta campaña beneficiaranse dun desconto do 10 % no recibo da recollida do lixo a partir do ano 2026.
Para os lalinenses residentes no rural a campaña contempla a distribución de composteiros domésticos de 400 litros de capacidade, «que se entregarán a través das áreas parroquiais nas vindeiras semanas, a idea é facelo entre finais deste mes e decembro, mentres que os contedores marróns estarán colocados antes de final de mes».
Esta ambiciosa campaña de recollida selectiva do Concello de Lalín, «que busca aforrar no transporte do lixo a Sogama e reducir a pegada de carbono», puntualizou Méndez, apóiase tamén en visitas a establecementos comerciais e de hostalaría para informar sobre boas prácticas de reciclaxe, impulsar o seu uso e dar resposta ás dúbidas que xorden. Así ata o próximo día 22 estase a desenvolver unha enquisa polas rúas do casco urbano sobre hábitos de reciclaxe, e farase entrega duns 5.000 folletos informativos sobre os aspectos máis salientables desta campaña.