Ángeles Baldonedo: «Cos traballos buscamos visibilizar a capacidade que teñen os usuarios»
LALÍN
O Nadal polariza a aula de manualidades, converténdoa nun auténtico fervedoiro
15 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A creatividade de todas as manualidades que saen do centro Aspadeza de Lalín saen da inquietude e imaxinación de Ángeles Baldonedo Taboada, directora da Asociación de Padres de Disminuidos Psíquicos de Deza, que perfila a elaboración de pezas feitas con exquisita paciencia polos usuarios do centro, en colaboración cos profesionais da institución. As manualidades sempre se lle deron moi ben, e mesmo encántalle facelas, apunta Ángeles, que lembra que así chegou á asociación no ano 2002 como colaboradora para elaborar precisamente pequenos traballos manuais.
—En Aspadeza xa facían traballos de cestería e tapices cando cheguei como voluntaria nas campañas de Nadal do 2002, 2005 e 2006. Aspadeza pedira dous cursos de pintura a través do Fondo Social Europeo, que impartín. Foron cursos de 5 meses de duración nos que os usuarios se formaron en pintura acrílica e cristal. Ao rematar as ensinanzas do ano 2006 foi cando xa me incorporei á plantilla.
—E segue dirixindo a liña creativa de todo aquilo que se fai no centro.
—Digamos que son a cabeza pensante, pero logo o produto sae entre todos, e procuramos sacar todos os anos algunhas novidades.
—Estarán agora mesmo co groso da campañana de Nadal?
—Estamos facendo cousas claro... Nós temos que empezar con tempo a traballar... O deseño e as ideas tócanme a min, pero logo a elaboración é un traballo en conxunto e aos usuarios lévalles un tempo coller o fío, pero logo son extraordinarios. Non lles importa estar o tempo que sexa elaborando, non se cansan nunca. En función da habilidade de cada un imos encargándolle unha parte específica, pero son moi perfeccionistas no que fan. Con todos os traballos que saen do centro buscamos fundamentalmente visibilizar a capacidade que teñen os nosos usuarios que é inmensa, e que en moitas ocasións non se aprecia.
—A elaboración das manualidades supón un pequeno empurrón económico para a asociación.
—É unha axuda, sen dúbida, pero á gran maioría pouco lles importa a contía económica que supón a venda das manualidades. Eles o que máis valoran é ver os seus traballos expostos. Cando facemos a decoración para a celebración da Noite Branca, que nos ven encargando a Asociación de Empresarios de Deza e á que dedicamos dúas semanas enteiras de traballo todos, e logo contemplan o resultado en tendas e escaparates esa é a súa maior felicidade. Non deixan de repetir que o fixeron eles (ri).
—Que pezas porán á venda para estas próximas datas?
—Estamos preparando adornos moi variados para as árbores de Nadal, que tanto éxito tiveron o ano pasado, centros de mesa de todo tipo, coroas, caixas pintadas, e tamén unhas bolsas de tea pintadas con frases en galego que estrearemos ademais de cestos. A intención é levar as manualidades para o Centro Comercial Pontiñas un par de xornadas para vendelas, e tamén estamos pensando en ir para a Praza de Abastos xa que o concello ofrécenos a posibilidade ás asociacións de levar para alí os nosos produtos dentro das actividades das Aldeas de Nadal.
—Que volume de pezas saen do taller de Aspadeza nestas datas?
—Non podo dar unha cifra exacta, pero penso que imos chegar ás 200 manualidades aproximadamente nesta campaña.
—Quen merca maioritariamente o traballo que fan?
—Xente que nos coñece, que sabe o que facemos na asociación, e que quere axudarnos. Logo tamén están as familias dos usuarios e por suposto os nosos asociados que nos botan unha man en todo o que poden.
«Pídennos trofeos para competicións deportivas en madeira e personalizados»
O agarimo que impregna cada peza saída das mans dos 38 usuario de Aspadeza séntese, e fai que desde anos atrás vaian chegando ao centro encargos de particulares. «Detalles para vodas, bautizos e comuñóns é algo habitual, e por iso contamos cun catálogo de produtos, pero tamén intentamos facer aquelas pequenas pezas que nos demandan», constata Ángeles. No centro ocupacional de Mouriscade hai pouco descanso para os 15 profesionais e os preto de 40 usuarios que acoden ás instalacións con xornadas completas nas que se mesturan ensinanzas e traballos manuais, dando resposta tamén a encargos de empresas. «Os nosos usuarios están capacitados para facer moitas cousas, e iso é o que transmitimos sempre. Recentemente 6 deles colaboraron na gran recollida de alimentos, que promoveu o Banco de Alimentos, e que organizou O Mencer. Temos empresas que nos piden calendarios, que lles facemos encantados, e algún detalle puntual tamén para meter nas cestas de Nadal aos traballadores».
Encargos de diversa índole que chegan ao despacho de Ángeles, que se mostra agradecida polo agarimo e fidelidade de veciños e firmas comerciais para con Aspadeza á hora de axudarlles. Entre as solicitudes más recentes están trofeos para diversas competicións deportivas, elaborados en madeira e personalizados, e algúns encargos cando menos distintos como «unhas pulseiras da Virxe do Carme que pintamos para unha asociación de veciños, e invitacións de voda en forma de comecocos e escritas a man».
E o Bar do Cuberto de Aspadeza, que naceu coa pandemia, segue activo como o primeiro día coas súas celebracións semanais dos venres, con temáticas deseñadas por Ángeles, e que os usuarios queren que sexan sorpresa.