A Santa Cruz na Portela de Rodeiro

daniel gonzález alén RODEIRO

RODEIRO

Daniel González Alén

Nesta parroquia que estivo a pasada fin de semana de festas hai un posible templo rupestre e curiosos remates de hórreo no lugar de Coreixas

18 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

San Cristovo da Portela, en terras de Rodeiro, é unha parroquia situada no antigo camiño as vilas lucenses de Antas de Ulla e Monterroso, que foi real, logo de arrieiros e modernamente estrada comarcal. Foi dende sempre un dos lugares de paso das terras de Camba, de onde lle veu o seu nome e quizais a devoción do San Cristovo, patrón da parroquia que o é tamén dos viaxeiros e condutores.

Os pouco máis de medio centenar de habitantes da parroquia da Portela celebraron a pasada fin de semana a festa da Santa Cruz, con misas oficiadas polo sacerdote e veciño Sabino Seijas Domínguez, e con procesións, nas que saen as imaxes do patrón, San Cristovo, a do Cristo Flaxelado e a da Virxe do Carme, portadas polos veciños arredor da igrexa. Na parte profana, houbo sesións vermú, xantares nas casas, verbenas e torresmada na véspera, nas que puxeron a música os grupos Fusión Latina e Pachi Show.

Da igrexa parroquial —erguida hai pouco máis de cen anos sobre outra anterior, e tamén da capela da Santa Cruz, que agora é dun particular, logo de ser convertida en garaxe hai anos— xa temos tratado noutra reportaxe anterior, polo que nesta, imos dar conta do que coidamos é un templo rupestre no lugar de Coreixas, obra dos primitivos habitantes da zona que aproveitaron unha grande pena das de abalar, que os paisanos coñecen como a Pena Bicuda, arredor da que se teceron moitas lendas e mitos que a tradición oral achega aos nosos días. Esta formación rochosa de grandes dimensións está formada por unha grande pena ovoide, duns catro metros de altura por uns seis de ancho, que apoia nun único punto encol doutra medio soterrada sobre a que en tempos oscilaba. Na que fai de base, asomando escasamente medio metro do chan, poden ollarse media ducia de pías naturais, repicadas pola man do home e comunicadas varias delas entre si, para posiblemente usalas en rituais pagáns. A grande rocha superior da peneda presenta un curioso círculo dun metro de diámetro escavado na propia pedra a modo de bóveda. O curioso conxunto pétreo merecería un estudo arqueolóxico, incluíndo outra peneda algo menor en tamaño que se atopa nas proximidades, algo que escapa á lixeireza desta reportaxe.

O folclore, recollido polo colectivo A Tulla de Fafián —que nos indicou a existencia desta Pena Bicuda de Coreixas, da que tamén se teñen ocupado o profesor Xoán Carlos García Porral, cos seus alumnos do CEIP de Rodeiro; e a historiadora e veciña do lugar, Isabel Fernández Bardelás— refire con lixeiras variantes unha vella lenda que conta que a grande peneda fora traída ata aquí ao lombo por unha moura, que ao seu amparo fiaba o liño na roca e algúns veciños seica viron, en máis dunha ocasión, unha galiña cunha niñada de pitos arredor do penedal. A tradición oral advirte que á Pena Bicuda, non se lle pode dar a volta, xa que ao facelo arderían ata sete parroquias da contorna, pois do lugar parten varias trabes subterráneas de xofre.

Non lonxe deste emprazamento de Coreixas, nos contrafortes da Serra do Faro, está a Pena do Bico; na Serra do Carrio hai unha Pena Cabalada; en Muimenta de Lalín, catalogamos un templo rupestre cristianizado e por Galicia adiante hai outras formacións rochosas semellantes en fisionomía e folclore.

No mesmo lugar de Coreixas ollamos o hórreo de Roqueiro, datado en 1960, con curiosos remates, un deles cun rostro humano e o outro cunha orixinal cruz, preto dunha vella casa con esgrafiados; e na parroquia da Portela, hai outros valores patrimoniais de interese dos que habemos tratar noutra ocasión.