Rodeiro e Lalín son dous dos concellos con focos declarados
06 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) segue a súa expansión por Galicia, afectando a vacas de carne e leite; uns 1.700 animais segundo os datos aportados onte dende o sindicato Unións Agrarias e onde a comarca do Deza non queda fóra do foco desta doenza, situándose na actualidade con casos detectados en Rodeiro e Lalín.
Unha situación que levou ao sindicato agrario a pedir unha reunión coa conselleira de Medio Rural, segundo o avanzado onte nunha comparecencia de prensa polo secretario de coordinación sectorial Félix Porto insistindo en que, «non nos importan as liortas políticas entre administracións, o que nos importa é que de xeito urxente se solucione o problema que sofren os gandeiros de leite e carne». Nese contexto Porto significou a necesidade de que se activen as axudas á par de actualizalas, «as indemnizacións son ridículas e están baremadas dende o ano 2011, catorce anos pasaron e seguen case cos mesmos valores».
Convidou tamén a reflexionar sobre o que vale un animal dependendo da doenza que lle afecte, «resulta moi difícil explicarlle a un gandeiro que a súa vaca vale menos se morre por EHE, brucelose ou outra doenza ou a mata o lobo», comentou Porto. O sindicalista agrario puxo exemplos das axudas que percibe un gandeiro galego en caso de perder un animal por Enfermidade Hemorráxica Epizoótica cuio importe oscila entre os 286,89 euros e os 661,29 euros, dependendo da súa raza. «A Xunta só fai aportación nos casos de morte pero non cubre os gastos que a doenza ocasiona, como poden ser os tratamentos que se lle aplican aos animais ou os de desinsectación, algo que si fan outras comunidades como é o caso de Cantabria ou Castela e León. Son cuestións que queremos tratar coa conselleira ao igual que as secuelas que deixa esta doenza como a perda de fertilidade dos bois así como a caída da produción e dos ingresos que a enfermidade ocasiona nas explotacións», informou Porto.
A organización agraria solicitou tamén do ministerio que permita a comercialización de animais que non teñan completada a pauta de vacinación da EHE, que está autorizado ata o día 8, ao entender que non existe risco sanitario asociado ao consumo da carne ou leite dos animais afectados. «Pedímoslle ao goberno central que prorrogue a data do vindeiro día 8, e dese maneira evitar o colapso e o incremento dos gastos e perdas que se están xerando nas explotacións de leite e carne de Galicia, que están afectando a todas as provincias a excepción da de Coruña que non ten ningún foco activo, pero entendemos que nun futuro próximo tamén podería telo».