
Manolo do Negro, de 93 anos de idade, é o decano dos sancristáns das 163 parroquias da comarca de Deza
03 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Santiago Apóstolo é o patrón de quince parroquias na comarca de Deza, e aínda ten celebración nalgunha capela as veces xunto con Santa Ana, a nai de Virxe María, nas xornadas do 25 e 26 de xullo. É o caso da parroquia de Fafián, en pleno val de Camba no concello de Rodeiro, que como ven sendo tradición tivo dous días de festa.
Na primeira das xornadas dedicada ao patrón Santiago, na parte relixiosa da celebración houbo misa solemne oficiada polo párroco e vicearcipreste de Deza Alvito García Fente e de seguido procesión coas imaxes do Santiago Matamouros e da Inmaculada, imaxe esta das de vestir, que portaban homes e mulleres, precedidas pola cruz procesional e o estandarte que levaban os rapaces, que foron ata o cruceiro para volver ao templo. Os mesmos actos relixiosos, tiveron lugar na segunda xornada dedicada a Santa Ana, cos fieis portando as citadas imaxes, xa que curiosamente da Santa Ana, non hai imaxe nin se sabe que a houbera tempo atrás.
Na parte profana dos festexos, houbo sesión vermú os dous días, co grupo Madastur o primeiro, e Pachi Show, no segundo, que tamén amenizaron as verbenas nocturnas. Non faltou o xantar nas casas dos veciños, os maís deles con invitados vidos de fora e mesmo de lonxe, que fan concorrer as vacacións coas festas da parroquia.
O decano dos sancristáns
Axudando no culto dende hai varias décadas atopamos na celebración a Manuel González Negro, que entre os veciños anda por Manolo do Negro, que con 93 anos de idade poida que sexa o sancristán de maior idade das 163 parroquias dos seis concellos da comarca de Deza, a non ser que alguén nos faga saber da existencia de outro que con tan respectable idade veña realizando este cometido, as mais das veces de xeito altruísta.
Iso si, en Fafián, co labor de tocar as campás dende a espadana da igrexa, corre outro veciño e da limpeza as mulleres mais xenerosas, como ven sendo costume e tradición nas parroquias dezás e ben merecerían todas, un publico recoñecemento. Manuel, logo de rematar a súa vida laboral en Barcelona a onde marchara traballar ben novo, despois de casar e criar unha familia numerosa que aló ficou, veuse para a parroquia de Fafián de onde eran os seus antepasados. Irmán de Manuel, era o sacerdote Mario González Negro, que rexeu a parroquia de Goiás e o anexo de Xaxán en terras de Lalín,dende 1967 ata o seu pasamento en 2007, seguindo o labor do seu tío Jesús Negro Failde , tamén sacerdote e finado en 1991 aos 96 anos, deixando alí grata lembranza entre os veciños. Ambos están soterrados no camposanto de Fafián.
A torre-tulla e a vila romana
Do amplo e importante patrimonio de Fafián, do que outros e nós mesmo temos publicado, destaca a torre- tulla medieval de Outeiro que ven de ser recoñecida BIC e agora agarda unha rehabilitación e posta en valor, ao igual que a vila romana de Porta de Arcos, escavada nos anos setenta do pasado século, que fica sumida no total abandono.
Tamén do pazo de Trasulfe, coa súa portada repleta de brasóns e capela, na que ten romaría anual o San Bieito; a casa fidalga da Casanova e o típico lugar de Outeiro con súas casas grandes con esgrafiados, os notables hórreos con eiras lousadas, pombais e muíños que aínda se conservan; sen esquecer a igrexa parroquial que ten elementos románicos, pinturas, altares, e imaxes góticas, barrocas e neoclásicas, formando conxunto coa abandonada reitoral, o cruceiro dedicado ao patrón Santiago, e unha fonte con bebedoiro que reaproveitou un sartego medieval e parte dun muíño castrexo.
Moitas pezas de notable valor histórico que gardan con mimo os veciños nas súas casas e outras que foron roubadas ou espoliadas; as numerosas pegadas arqueolóxicas existentes na parroquia, algunhas aínda por desvelar ou o carballo da Ponte da Trabe, que se salvou da parcelaria que arrasou arboredo, camiños e valados, deste val de Camba, que malia todo, non cansamos de percorre e admirar.