Moalde exaltou a carne de vacún

daniel gonzález alén LALÍN

SILLEDA

Daniel González Alén

Veciños de Viascón axudaron a facer os espetos e presentaron a súa festa

03 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Do mesmo xeito que cada parroquia ten o seu santo patrón, no concello de Silleda case todas teñen a súa festa gastronómica, a tal punto que poida que sexa o municipio de Galicia senón de España, con mais festas exaltando a algunha das especialidades da típica cociña dezá e as veces mesmo doutras traídas de fora.

É o caso desta III Festa da Carne de Vacún o Espeto que se ven celebrando cada primeiro de maio en Moalde dende o ano 2019, que logo de dous anos en branco por mor da pandemia, volveu con forza reunindo xa en dúas ocasións a mais de 150 veciños e convidados, entre os que non faltaron o alcalde Manuel Cuíña, a concelleira de Cultura, Mónica González e varios membros do goberno municipal de Silleda, que ven apoiando esta celebración parroquial.

No recinto do centro social, que en tempos fora vella escola da parroquia, os membros da Asociación Veciñal Vagalume, encabezados por José Luís Arrevola Gómez, un arxentino agora veciño da parroquia, con raíces galegas que de aló trouxo o estilo do espeto que aquí se aplica a tenreira rubia galega, e coa axuda da súa propia filla María Gabriela e os entusiastas veciños Manuela Muras, Pilar Agra e Marco Valladares, foron os encargados de preparar os costelares que precisaron de varias horas a brasa e mesmo a colaboración de membros da Comisión de Veciños de Viascón no novo municipio de Cerdedo-Cotobade, que viñeron axudar no cometido e tamén a servir e a comer.

Baixo a carpa instalada no recinto os comensais deron conta do abundante e sinxelo menú de carne a fartar e sobremesas feitas polas propias veciñas, co correspondente pan, viño e café que tampouco se taxaron. Os presentes pagaron a razón de 20 euros e os que preferiron levar a ración para a casa, que foron os menos, pagaron a 18. Non podía faltar a música que puxo o DJ Carlos O Venezolano, facendo bailar á xente e aínda houbo quen se atreveu a cantar antes do remate da festa, as sete da tarde.

Este evento gastronómico serve para unir aos veciños e dinamizar a vida social da parroquia, ao tempo que axuda a financiar outras necesidades de Moalde, que ven celebrando tamén festas na honra do patrón San Mamede, a Virxe do Amparo, Santo Antonio e San Roque en agosto, na igrexa parroquial que destaca polos seus grandes retablos e a do San Sebastián da Rocha, na capela que o santo ten no cume do monte deste nome, e aínda en tempos celebrábase o San Xosé na capela agora arruinada ao igual ca casa reitoral e a antiga escola, pero esa é outra historia da que para outra ocasión algo habemos de contar.

Carne ao espeto de Viascón

Como xa se referiu, na festa estiveron presentes varios membros da comisión encargada de organizar a VII Festa do Becerro Ecolóxico o Espeto de Viascón, que viñeron a axudar aos de Moalde na preparación e servizo do típico prato arxentino, a medio camiño entre o churrasco e carne o caldeiro. De xeito recíproco os de Moalde irán a Cerdedo-Cotobade o domingo 21 deste mes, para axudar na multitudinaria festa de Viascón, na que está prevista unha asistencia de máis de mil comensais e xa hai cartel para a ocasión que mostraron aquí.