Eva García Bibián: «Na aldea tamén podes traballar para a multinacional máis grande»

SILLEDA

Aposta polo emprendemento no rural cunha axencia de márketing en Silleda
09 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Eva García Bibián (Silleda, 1992) defende que o rural non ten que ser unicamente un lugar dedicado ao sector primario. Nel poden nacer diversos proxectos empresariais sen ter que saír ás grandes urbes. A súa historia demostra que isto é posible, dirixindo xunto a dúas socias dende hai 8 anos unha axencia de márketing, Hydra, que dende Silleda da servizo a empresas de todo mundo. «Cando fixen o máster era consciente de que non podería traballar en Silleda, Lalín ou A Estrada, que acabaría indo para Santiago, A Coruña ou onde houbera axencias, pero coñecín a Yolanda Villar —unha das súas socias xunto con Ana González— e vin que se podía traballar dun xeito máis global, que podo estar en Silleda traballando para unha empresa de Madrid», explica.
A través de Hydra e doutros proxectos no seu concello natal, Eva quere transmitir que existe a posibilidade de que «no rural podes traballar para a multinacional máis grande». Natural da parroquia de Cervaña, asegura estar moi ligada á súa familia e á súa terra. «Cando estudaba pensaba a onde ía ir, sempre que fas márketing parece que tes que falar en inglés e ir fóra para medrar, pero para min o éxito era traballar onde quería e facendo o que eu quería», asegura.
Porén, a Eva nunca lle interesou demasiado o tema do emprendemento. Foi todo froito dun proceso paulatino. «Nunca tiven idea de emprender nin de ser empresaria, foi algo que me atopei polo camiño. Tampouco tiven unha vocación clara, valíame calquera cousa», recoñece. Ao rematar o bacharelato foi estudar á universidade a Santiago, onde cursou Administración e Dirección de Empresas (ADE). «Nese tempo compaxinaba os estudos cos traballos de camareira e azafata, onde a parte comercial si que me tiraba moito», afirma.
Con este sentimento, e logo de lembrar o seu interese pola psicoloxía, ao rematar a carreira quixo mesturar ambos coñecementos. «Non fixen psicoloxía porque pensaba que me quedaba grande, pero ao rematar ADE pensei: que é o máis psicolóxico que pode ter a economía? O márketing. Entón marchei á Coruña e fixen un máster de Márketing Dixital», lembra.
«Entendín que nese momento era unha boa oportunidade e non había moitos expertos nesa área. Despois das prácticas empecei cunha socia como autónoma levando pequenos contratos, cando vimos que xa tiñamos algúns máis grandes, constituímos o que hoxe é a axencia Hydra con outra compañeira», explica.
Mudar a mentalidade
Un dos obstáculos cos que se atoparon foi a percepción que tiñan do márketing algunhas das pequenas e medianas empresas coas que traballaban. «Ao principio custábanos que as empresas de sectores como o primario confiasen nesta xestión, mesmo algunhas non sabían o que era. Hoxe en día o que nos diferenza é que somos unha axencia que fala galego, que reivindica a terra e coñece con quen traballa», subliña.
«O que máis me chamou a atención é que antes, cando as empresas tiñan un mal momento económico, no primeiro que recortaban era na comunicación e publicidade. Agora mudou esa concepción e cando están regular veñen a consultar onde poden mellorar, sabendo que é importante inverter en márketing para que as cousas vaian mellor», indica.
Por outra banda, a súa incursión neste sector e no emprendemento en xeral non foi doada, tendo que superar algúns obstáculos froito da súa condición de muller e xuventude. «Empecei a emprender con 24 anos e custábame moito ir a unha reunión e que alguén me tomara en serio. Agora non o noto tanto e recordo case a cada persoa que si me valora cando empecei, pero hai sectores nos que non está normalizado que asista a unha reunión unha muller», asegura.
Enredeiras
Eva García Bibián tamén está involucrada nun proxecto que comezou coma un pódcast e foi evolucionando ate converterse nunha Asociación da Dixitalización da Muller Rural, tamén con sede en Silleda. Baixo o nome de Enredeiras, ten como obxectivo dignificar o traballo da muller rural, «que son eu con 32 anos como é outra con 50», sinala. «A pretensión é que con empresas capitaneadas por mulleres poidan ter máis visibilidade ou facer proxectos nas escolas onde ensinar aos rapaces que poden traballar no rural nuns empregos diferentes aos que se asocia normalmente», detalla.
A maiores desta iniciativa, imparte clases de márketing na Universidad Intercontinental de Empresas, con sede na Coruña e Vigo. «Aínda que nunca tiven vocación, hoxe en día é do que máis gozo da profesión», recoñece Eva, quen á súa vez estuda un máster de Neuromárketing.
Eva traballou durante anos como camareira, sendo gañando o seu primeiro soldo detrás da barra en Lalín cando tiña 17 anos. Asegura que foi unha boa experiencia que axudouna no seu desenvolvemento profesional. «Ensinoume a cómo comportarme de cara ao público», explica.
Tras cavilar un pouco, decídese por unha visita ao campo d concentración de Auswitch fai un par de anos. «Revivir esa historia marca moito, é coñecer outra realidade que está moi preto de nós», afirma.