
O programa Mulleres Modo On VG, presentado en Silleda, logrou 100 contratacións
29 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Inserta Empleo, a entidade de formación e emprego da Fundación ONCE, ten ás costas máis de 30 anos de experiencia en intermediación laboral e en traballar coas persoas con discapacidade para a súa inclusión sociolaboral. A lucense, de A Pastoriza, Beatriz Gallego Nieto é a directora rexional da entidade que ten presenza en todo o territorio nacional, contando na comunidade galega con seis oficinas dende as que se atenden a persoas con discapacidade ou incapacidade de toda Galicia.
—Recentemente protagonizaron un encontro en Silleda con responsables do concello, onde fixeron fincapé sobre o programa Mulleres Modo On VG. En que consiste?
—É un proxecto que puxo en marcha Inserta Empleo no ano 2020 co obxectivo de atender de maneira máis personalizada ás mulleres con discapacidade, vítimas de violencia de xénero. Xurdiu ante a necesidade que se detectou nas entrevistas de orientación que se facían en Inserta Empleo, entre aquelas mulleres que manifestaban haber sufrido violencia de xénero, que atopaban maiores dificultades á hora de acceder a un emprego, sobre todo pola situación emocional vivida. O obxectivo final é que as mulleres se empoderen e retomen o control da súa vida a través do emprego ou do emprendemento.
—Todo iso foi o que explicaron en Silleda.
—Si. Mantívose unha reunión con responsables do concello para explicarlles o programa, así como o resto de actuacións que desenvolvemos no eido da inclusión social das persoas con discapacidade a través dos servizos de orientación, formación e intermediación laboral co obxecto de acercar estes servicios á poboación de zonas máis rurais. A idea é ter un contacto directo co equipo de profesionais do concello que realizan atención a persoas con discapacidade, e en especial, a mulleres vítimas de violencia de xénero para que poidan acceder aos nosos servizos e así aumentar as súas opcións de formación e inserción laboral. Así as profesionais que atenden a estas mulleres, Compass, traballan no seu ciclo de transformación logrando fomentar o seu desenvolvemento persoal, profesional e intermediando coas empresas para a súa inserción laboral.
—Teñen iniciativas de semellantes características en marcha noutros concellos da contorna?
—Tanto a nosa Compass rural, como o resto de profesionais de Inserta Empleo que atenden a outras áreas, desprázanse de forma habitual todos os martes ao Concello de A Estrada para atender a persoas con discapacidade ou incapacidade laboral da zona. Traballamos tamén en Lalín, acudindo de xeito puntual a facer entrevistas de orientación. Na actualidade mantemos un convenio de colaboración co concello estradense para a mellora da empregabilidade das persoas con discapacidade da zona, no marco do cal o ano pasado fixemos dúas accións de formación, e temos previsto realizar un novo curso de operario de produtos manufacturados.
—Se acceder ao mercado laboral ten xa as súas complexidades, e se detrás hai un caso violencia de xénero resulta máis ou menos doado atopar sensibilidade por parte do empresario?
—Creo que cada vez hai empresas máis comprometidas coa inclusión tanto das persoas con discapacidade como de colectivos máis vulnerables, pero aínda queda camiño por percorrer. É certo que duns anos para aquí mellorou a cousa, pero resta descoñecemento do valor que teñen estas mulleres nos equipos.
—Que empregabilidade lograron ata a data?
—Acadamos unhas 100 contratacións, 22 delas no ano 2024.
«Consideramos que é tan importante a consecución dun emprego como mantelo no tempo»
O Programa Mulleres en Modo On non é só formación e información senón que significa tamén un acompañamento da persoa, explica a directora rexional de Inserta Galicia. «Conleva un acompañamento individualizado coa muller, durante todo o proceso de inserción, tanto antes de que se produza a contratación como unha vez acadado o emprego. As técnicas están en contacto constante con elas, para continuar apoiándoas en caso de precisalo, posto que consideramos que é tan importante a consecución dun emprego como mantelo no tempo». Así as que están en fase previa á intermediación laboral contarán con accións de intervención e talleres de forma periódica para traballar con elas a parte persoal, partindo dun cuestionario de empoderamento que elabora Inserta Empleo. Engade Beatriz Gallego que «parécenos importante a creación dunha rede de apoio, polo que ademais do seguemento individualizado de cada muller, se fagan accións de intervención grupais que axudan a establecer esta rede».
Un programa que acadou o Premio Nacional de Discapacidad Reina Letizia, todo un recoñecemento a un proxecto vivo que «nos deu impulso para continuar co traballo e a mellora na atención das mulleres que participan no mesmo», comenta unha ilusionada Beatriz Gallego, que xa se prantexa novas metas. Entre elas están novas accións para mulleres e persoas con discapacidade, «para mellorar a súa inclusión sociolaboral nas zonas rurais, estamos tratando de organizar talleres na zona de A Estrada e valoramos distintas actividades no entorno rural para sensibilizar sobre discapacidade e violencia de xénero, algunhas das cales pretendemos que teña o seu foco neste caruncho, pero polo de agora pouco máis podo comentar», avanza Gallego.