Agradecementos da directiva da Empanada

La Voz

SILLEDA

02 sep 2025 . Actualizado a las 18:38 h.

A Directiva da Asociación Cultural Amigos da Empanada de Bandeira quere expresar o seu máis sincero agradecemento a todas as persoas, entidades e institucións que fixeron posible a celebración da XLIX Festa da Empanada de Bandeira, que se celebrou este mes de agosto. Este foi un ano especialmente significativo para nós, pois supuxo a nosa primeira edición como directiva, e non queremos deixar pasar a ocasión sen recoñecer o valioso apoio que recibimos de todos aqueles que contribuíron á organización e éxito da festa. Ademais, esta edición supuxo un fito na nosa vila, sendo a primeira que se realiza xa co título de Festa de Interese Turístico Nacional. Queremos, en primeiro lugar, agradecer ao Concello de Silleda, en especial á súa alcaldesa Paula e á concelleira de Cultura Mónica, por todo o apoio recibido. Agradecemos tamén a Erea, Pili e a todo o persoal municipal, que traballaron de forma incansable para que todo saíse á perfección, desde a brigada de limpeza até os operarios de obras e mantemento, pasando pola policía local, que garantizaron a seguridade durante o evento. Sen o seu traballo, nada diso sería posible. Non queremos esquecer tampouco o apoio da Xunta de Galicia, especialmente das áreas de Turismo e Política Lingüística, e en particular de Valentín García, que desde o principio mostraron un compromiso firme co noso evento. A Deputación de Pontevedra tamén merece o noso recoñecemento, xa que a súa colaboración foi esencial para o bo desenvolvemento da festa. Un ano máis, o apoio de nosos patrocinadores fixo posible que a festa tivese a magnitude que alcanzou. Grazas a Eroski, Froiz, Shweppes, Muíño de Cuíña, Silleda Sostible, Gadisa, Nudesa e Culinaria, así como a todas as empresas que participaron no libro publicitario. A veciñanza de Manduas tamén merece unha mención especial. Sen a súa colaboración económica, que se materializou nunha importante recadación sen a necesidade de realizar un petitorio, a festa non sería posible. Agradecemos a súa xenerosidade e seguiremos mantendo aberta a conta bancaria para que quen desexe facer a súa achega nos próximos días. Un agradecemento moi especial tamén ao equipo de voluntariado. As persoas que se sumaron de maneira altruísta para colaborar coa festa foron fundamentais. Gracias a Ana Codesido, Andrea Guerra, Ramón, Anita, Fanfa e moitas outras persoas que, coa súa disposición, fixeron posible que todo saíse adiante. O seu traballo foi incansable e demostrou unha vez máis que a nosa festa non sería a mesma sen a colaboración de todos eles. Tamén queremos agradecer a Alberto Pereiras (Tetos) polo deseño do cartaz oficial da festa, que de maneira artística recolleu a esencia e a riqueza da programación, así como da unión do tecido asociativo da vila. Grazas tamén a Emsé e Marcos Cardoso por súa colaboración no deseño. Gracias Laura Calviño, a nosa encargada de comunicación social e redes sociais, cuxo excelente traballo se reflectiu nas diversas plataformas. O noso recoñecemento tamén vai aos propietarios da carballeira e prados colindantes, así como a persoas arrendatarias dos memos, que nos permitiron realizar unha nova edición da festa, así como os festivais de rock e folk e a cea de peñas. Agradecemos aos membros do xurado do concurso de empanadas, composto por Begoña, Filo, Sindy (Parrillada A Devesa de Graba) , Cecilia (Casa San Martín do Corpiño) e Ana Belén (Restaurante O Asturiano de Lalín), polo seu traballo minucioso e o seu criterio, que fixeron que o concurso fora todo un éxito. Un agradecemento moi especial tamén a todas as persoas que participaron no concurso de empanadas. Sen a súa dedicación e entusiasmo, esta tradición non tería a forza que ten hoxe en día. Cada ano o nivel das empanadas aumenta, e esta edición non foi a excepción, facendo que o xurado tivese que tomar decisións difíciles. Tamén ao pregoeiro, Xulio Abonjo, pola súa disposición desde a primeira chamada e polo seu apoio incondicional á nosa festa. Grazas tamén a Pepe Ayude pola súa colaboración coa subasta das empanadas premiadas. Un agarimoso agradecemento aos colectivos e asociacións que participaron e colaboraron dun xeito ou otro coa XLIX Festa da Empanada: Xirandola, Vista Alegre, S.D. Bandeira, Asociación Xenerais e Xeneralas do Entroido, Clube Petanca Bandeira e Asociación RC da Banda de Música de Bandeira. Agradecemos aos patrocinadores dos premios do concurso, que permitiron ofrecer agasallos de gran calidade aos gañadores. A todos eles, e tamén a todas as persoas que nos acompañaron durante as festas, facendo desta edición a máis exitosa en termos de público, queremos expresar a nosa máis profunda gratitude. A festa non sería posible sen o apoio de todos aqueles que participan nela, dende os organizadores até os asistentes. Por último, nomear dentro destes agradecementos dun xeito moi especial a todas as persoas que formaron parte das distintas directivas da Asociación, das comisións de festas e que, dun xeito ou doutro traballaron arreo ao longo destes case 50 anos a prol do crecemento da nosa Festa. Non hai máis que ver que do que foi o xérmolo da mesma, unha merenda no ano 1974, chegamos a ser Festa de Interese Turístico Nacional, comezando xa a loitar polo título Internacional. Gracias por facer realidade esta XLIX edición da Festa da Empanada de Bandeira.

Atentamente, Manolo, Ismael, Bea, Maica, José Ramón e Sara A Directiva da Asociación Cultural Amigos da Empanada de Bandeira