
No Auditorio Xosé Casal ábrese hoxe a exposición das obras feitas no curso de debuxo que promove a fundación cruceña
16 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.A totalidade dos traballos realizados no curso de pintura e debuxo, que se celebrou no pasado verán, na Fundación Paco Lareo A Solaina de Piloño se poderán ollar dende hoxe no Auditorio Xosé Casal de Vila de Cruces. Á inauguración, prevista para as 20 horas, asistirán entre outros a presidenta da Fundación A Solaina Carmen Lareo quen se amosa enormemente satisfeita do resultado do pasado curso.
-Foi un curso moi participativo, cunha asistencia de 21 alumnos e agora se poderá ver o traballo feito que son máis de sesenta obras que estarán colgadas dende hoxe na Sala Paco Lareo do auditorio. A mostra poderá visitarse por espazo dun mes aproximadamente e é o resultado dun curso que tivo moito éxito e que pais de rapaces que asistiron ao mesmo pediron que se mantivese ao longo de todo o ano.
-¿Curso enfocado só a nenos?
-É aberto. Hai nenos, tivemos algún universitario e mesmo algunha persoa adulta.
-A Solaina que será tamén protagonista mañán da súa Xuntanza de Forxadores, ¿unha xuntanza de amigos?
-Sen dúbida. Unha xuntanza de amigos e unha xornada de portas abertas a todos. Haberá intervencións do alcalde de Vila de Cruces Jesús Otero e do secretario xeral de Política Lingüística Valentín García, contaremos coa amenización musical dos Acordeóns de Vila de Cruces e sortearase entre os forxadores un cadro de Lucía Dubra. É un día para disfrutar deste espazo que dá paz e tranquilidade.
-¿Coa xuntanza péchanse os actos deste ano?
-Resta a excursión do domingo en que virán 55 persoas a visitar a fundación. Foi un ano espectacular. A Solaina foi visitada dende outubro por 1.300 persoas e todos me piden o teléfono para recomendala.