
A fundación cruceña, que prepara actos polo 25 aniversario, e o Colexio do Foxo lembraron ao escritor
28 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.Coincidindo co segundo cabodano do pasamento do escritor Xosé Neira Vilas, celebrouse onte en Gres, na sede da Fundación un acto na súa lembranza no que alumnos de 4º de primaria do Colexio Divino Maestro de Santiago de Compostela «converteron un día de lembranzas e tristura nunha xornada de alegría», segundo comentou o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas Luís Reimóndez.
O acto en lembranza de Neira Vilas arrancou cunha ofrenda floral no cemiterio parroquial, con presenza do Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia Valentín García, o alcalde de Vila de Cruces Jesús Otero, representantes da Fundación, alumnos e titora dos alumnos do centro compostelán, para seguidamente inaugurar unha exposición de 22 espantallos elaborados polos alumnos do Divino Maestro de Santiago.
Unha actividade na que se implicou a familia do alumnado, puntualizou o presidente Luís Reimóndez, «e onde salta á vista que os rapaces leron e comprenderon a ensinanza do espantallo amigo de Pepe Neira que é a amizade, comprensión e tolerancia e consecuentemente os bonecos teñen todos un sorriso na cara, unha cara de felicidade». Unha exposición de coloridos espantallos que se abriu na Fundación antes de dar paso á proxección dun avance dun documental titulado «Aquel neno chamado Xosé Neira Vilas» de Aser Álvarez; un proxecto que verá a luz nos vindeiros meses. Un segundo cabodano de Xosé Neira Vilas no que non faltou a lectura dalgúns parágrafos da súa obra por parte dos nenos do centro educativo santiagués, pechando a intervención a propia directora do centro Pilar Garea. Unha Fundación que coa entrada do vindeiro ano 2018 cumprirá un cuarto de século de actividade diaria entorno ao rural polo que xa prepara actividades especiais por mor desa importante e histórica efeméride. Para o presidente da institución atrás están vintecinco anos «facendo cultura dende o rural, dende a aldea que é onde está a esencia do galego».
Lembranza no CEIP do Foxo
A Xosé Neira Vilas, no seu segundo cabodano, tamén o lembraron onte no Ceip do Foxo e así decidiron instauralo cada 27 de novembro. Na biblioteca do centro, que leva o nome do escritor cruceño por acordo do claustro, os alumnos de 1º e 2º de Primaria realizaron un acróstico con letras do escritor, alumnado de 5º fixo unha lectura de fragmentos do libro «Memorias dun neno labrego» e os de 6º centráronse en poemas de Neira. A parte musical púxoa Manoele de Felisa que musicou varios poemas de Neira, interpretando algúns en directo, e mesmo partillou cos alumnos vivenzas persoais que compartiu co escritor de Gres.