As Letras Galegas crean a nova escola

EDUCACIÓN

Colexios da comarca adiantaron a celebración para a mañá do venres

16 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

As Letras Galegas adiantáronse dous días para que os máis pequenos puidesen saborealas. Os colexios da comarca realizaron diferentes actos nos que a lingua de Castelao e Rosalía foi o epicentro.

Dous dos implicados foron o colexio de Abanqueiro e o seu veciño boirense de Praia Xardín. Aínda que as letras foron o nexo común, os primeiros fixeron a segunda feira medieval, onde cada curso do centro confeccionou un posto onde se vendían dende alimentos ata artesanías. Os alumnos do Praia Xardín, en cambio celebraron, unha pequena romaría das letras, aínda que tamén tiveron postos de comida.

En Abanqueiro chegaron incluso a xogar á tómbola e aprenderon sen darse conta, xa que a moeda utilizada para comprar eran respostas ás preguntas dos dependentes. «¿Como se chama o homenaxeado este ano nas letras galegas? ¿Onde naceu? ¿Cantas obras escribiu?» foron algunhas das incógnitas que os rapaces tiveron que resolver para levarse un cacho de empanada ou un vaso de refresco ao bandullo. No Praia Xardín chegaron incluso a montar unha taberna aínda que a dirección do centro asegurou que ningunha bebida levaba alcohol.

Concurso das Letras

O conselleiro de Cultura , Román Rodríguez, entregou onte ao colexio Salustiano Rey de A Pobra o premio do concurso sobre as Letras Galegas na modalidade de infantil e primaria. Os rapaces acadaron o galardón polo traballo O vello profesor. O representante da Xunta animou aos rapaces a falar en galego porque, dixo, «mentres vós o faledes existirá sempre».

Aínda que tódolos rapaces degustaron comidas, o galego e as tradicións foron o prato que máis encheu aos rapaces por dentro. Directores, mestres e pais mostráronse radiantes vendo aos rapaces gozando durante o día de onte. Como recordou o director do colexio de Abanqueiro, Carlos Súarez, «o mellor é que así aprenden sen darse conta».