Javier González Trillo: «Notamos que os veciños queren un cambio de goberno en Mazaricos»

ELECCIONES 28M

O candidato de Espazo Común confía en que os veciños lle dean a súa confianza
20 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.A menos dunha semana para que acabe a campaña electoral, o candidato de Espazo Común en Mazaricos, Javier González Trillo, di sentirse esperanzado sobre a posibilidade de que se produza un cambio no Concello o vindeiro 28M. E asegura que o feito de ter cambiado de partido —presentouse co PSOE hai catro anos— non lle está restando apoio popular.
—Como vai a campaña?
—A verdade é que moi ben. Estamos moi contentos co apoio que recibimos en todos os lugares polos que fomos explicar o noso programa de goberno. Notamos que os veciños queren un cambio de goberno en Mazaricos e que nos van a dar o seu apoio para que o haxa.
—Hai catro anos concorría ás eleccións baixo outras siglas, nota reticencias da xente a apoialo neste novo proxecto?
—Ao contrario. De feito, hai moitos socialistas que me apoiaron hai catro anos e que agora tamén o van facer. As eleccións municipais son totalmente diferentes ao resto porque aquí prima moito máis a persoa que o partido. Neste sentido estou moi contento porque a xente coñéceme e sabe que o meu compromiso con Mazaricos está moi por enriba de siglas políticas.
—Que destacaría do seu programa electoral?
—Fixemos un programa realista destinado á totalidade dos veciños, porque pensamos que é necesario darlle un novo impulso a Mazaricos tras oito anos totalmente perdidos do actual desgoberno do BNG. Pensamos que é necesario destinar recursos a atender aos nosos maiores e a conseguir que os novos non marchen como tristemente está sucedendo. Por suposto, iso conséguese potenciando sectores económicos como o agrogandeiro, o comercio ou o turismo. Queremos mellorar as vías de comunicación do municipio porque están totalmente esquecidas e promover que novas empresas veñan asentarse aquí, para o que é preciso un plan urbanístico que cree chan industrial, algo do que agora se carece.
—Critica duramente nos actos de campaña o mal estado das pistas agrícolas...
—Pouco as criticamos para o mal que están. Son o resultado do esquecemento durante anos e da inexistencia dun plan periódico de mantemento que teñen en todos os concellos. Agora en campaña tolean botando zahorra por todos os sitios e así non se arranxan as cousas.
—Atrévese a facer un prognóstico para o 28 de maio?
—Penso que nós imos subir moito e que o BNG vai perder a maioría absoluta.
Recibe cada tarde en tu correo la newsletter Elecciones 28M con el adelanto en exclusiva de la encuesta de Sondaxe para La Voz y el resumen diario de la campaña en Galicia. Si todavía no eres suscriptor, suscríbete por solo 2€/mes.