Paco Rodríguez, candidato do PSOE en Ourense: «Hai que reflexionar por que xorden personaxes como Jácome ou Ayuso»
ELECCIONES 28M
Se fora necesario, por ser o actual rexedor o máis votado, o aspirante socialista apoiaría a investidura de Cabezas
26 may 2023 . Actualizado a las 09:53 h.O alcalde de Ourense entre os anos 2007 e 2012, Paco Rodríguez, tomou a decisión de regresar á política o pasado setembro. Antes de coñecerse os audios de Gonzalo Pérez Jácome xa falaba dunha situación de emerxencia.
—Inhabilitan politicamente ao actual rexedor esas gravacións?
—Total e absolutamente. Se houbera un partido detrás Jácome xa non sería o alcalde de Ourense. Desde o punto de vista político xa se dixo o que se tiña que dicir e agora supoño que terá que ser a xustiza a que tome nota.
—Precisamente, Jácome insiste en que o que ten problemas coa xustiza é vostede.
—Agora mesmo non teño problemas coa xustiza. A miña situación acabou como acabou, pero en calquera caso el é o que agora mesmo está no foco. Esta moi visto iso de pasar o ventilador para os demais e ti saír inmune. Co que está saíndo é obvio e evidente que esta persoa é un tirano e que superou todas as liñas vermellas posibles.
—El refírese a que aínda queda algunha peza aberta da Pokémon con vostede como investigado. É algo que lle preocupe?
—En absoluto, nunca estiven preocupado. Cando tes o convencemento absoluto de que non cometiches ningunha ilegalidade, nunca pode haber nada.
—Por que existe Jácome? Teñen algo de culpa os partidos tradicionais no seu éxito?
—Hai que reflexionar por que xorden personaxes como Jácome ou, salvando as distancias, Ayuso, por non ir a outros países. Todos teremos que mirarnos o embigo e ver que pasou. Estase producindo un gran desapego da política e iso pode ter consecuencias moi graves. Os partidos populistas simplemente trasladan aos cidadáns o que queren escoitar, pero as súas propostas non teñen perspectiva de futuro. Facendo autocrítica, os dous partidos sistémicos teríamos que analizar por que temos uns gobernantes que son antipolítica, como en Ourense.
—Vostede criticou os bonos de 100 euros, as ramplas mecánicas... Salvaría algo da xestión de Jácome?
—Podemos dicir que mellorou unha rúa, é innegable, pero onde están os proxectos de cidade? Realmente alguén cre que meter cinco millóns en Concordia é agora mesmo prioritario? E, entre tanto, estamos vendo a situación dos barrios, do casco histórico, das organizacións sociais, da cultura, do plan de ordenación urbana. Falou algún día o alcalde de temas importantes como o da intermodal? E sobre os bonos, non estou en contra de axudar ao comercio, que estaba pasando unha situación delicada polo covid, pero iso de darlle 100 euros a cada un sen ningún tipo de límite nin condición, a santo de que? E logo as organizacións sociais non cobran.
—En moitos casos, a oposición apoiou as operacións que permitiron ao alcalde dispor deses cartos. Foi un erro?
—Temos que situarnos nun escenario ben diferente. Se fora agora mesmo, sería un erro total e absoluto, pero era nun contexto de pospandemia, cos pequenos comercios pasándoo fatal. Nese momento había que facer algo, pero os comerciantes tamén se beneficiarían se os bonos fosen unicamente para aqueles que o necesitan. Ademais, con mala intención, retrasouno todo o posible para dalos a dous días das eleccións e comprar votos.
—No caso de que Jácome fose a primeira forza e o PP a segunda. Poría vostede os seus votos a disposición de Cabezas?
—Non contemplo en absoluto esa hipótese, pero eu estaría disposto ata onde fora capaz de poñer todos os medios para evitar que esta persoa siga sendo alcalde. Pero aquí hai que facer unha puntualización, porque o PP ten unha responsabilidade en que Jácome fora alcalde. E todos sabemos por que foi, por un cambio de cromos para que Baltar fora presidente da Deputación. Agora din que non van pactar con Jácome, pero eu non as teño todas comigo. E se Baltar necesita un deputado máis, que vai pasar? A cidadanía debe ter claro que os únicos que non imos pactar con Jácome somos o PSOE. E supoño que o BNG tampouco.
—Outra hipótese, se Cabezas fose o primeiro, vostede o segundo e Jácome lle ofrecese os seus votos para investilo alcalde, que faría?
—Non aceptaría. Eu non iría a ningún lado cunha persoa así. Podería chegar a un entendemento con calquera persoa que practica a política, pero coa antipolítica non hai nada que falar.
—E un último escenario: se fora alcalde, cal sería a súa primeira medida no día seguinte á investidura?
—Antes que ningunha outra cousa, sobre todo, hai que recuperar a normalidade, a dignidade institucional. Se conseguimos iso empezaremos a construír o Ourense do futuro, pero antes de nada hai recuperar a educación, as formas.
«O Concello vai ser un aliado do Estado para mellorar a intermodal»
Rodríguez non oculta a súa amizade co candidato do PP, Manuel Cabezas e, ademais, ambos fixeron chamadas ao entendemento entre os dous grandes partidos.
—Non poden trasladar esas mensaxes a idea de que votar ao PP é o mesmo que facelo ao PSOE?
—En absoluto, non debemos confundir. Eu teño unha relación con Manolo normal, de respecto. Na política, o feito de que haxa unha relación positiva e non ao contrario sempre é favorable, pero non nos chamemos a enganos. O PP e o PSOE son dous partidos antagónicos. Nunca xamais, polo menos tendo eu responsabilidades, haberá un acordo de goberno co PP, pero si pode haber disposición ao entendemento para proxectos estratéxicos. A min gustaríame que, independentemente de que teñamos maioría absoluta, o plan xeral fora consensuado por todos. E o mesmo co casco vello, o termalismo ou da estación de alta velocidade.
—Precisamente, o Goberno acaba de licitar a intermodal pese a que a vostede non lle gusta o actual proxecto. Foi un pau na roda?
—O pau na roda pono o PP cando no ano 2012 funde o proxecto máis importante deste século. Agora o Goberno está falando de 130 millóns, que é a inversión maior que houbo na historia, se sacamos a variante exterior. E iso hai que recoñecelo. A partir de aí, se estamos no goberno municipal, o Concello vai ser un aliado do Estado para mellorar dentro do posible a intermodal. O equipo redactor, técnicos do Concello e moita xente durante dous anos pelexáronse duramente con órganos do Estado como é o ADIF para conseguir ese gran proxecto. E algún día gustaríame que me explicaran por que o PP o fundiu. Eu teño o compromiso do Goberno neste momento de que podiamos recuperar todo aquilo que se poida para que a estación sexa un orgullo da cidade.
Recibe cada tarde en tu correo la newsletter Elecciones 28M con el adelanto en exclusiva de la encuesta de Sondaxe para La Voz y el resumen diario de la campaña en Galicia. Si todavía no eres suscriptor, suscríbete por solo 2€/mes.