O BNG volve aos seus mellores tempos na ría: «Hai paz interna e subímonos á ola do cambio»

Patricia Hermida Torrente
Patricia Hermida FERROL / LA VOZ

ELECCIONES 28M

Secundino García Casal, co BNG de San Sadurniño, na celebración da noite electoral
Secundino García Casal, co BNG de San Sadurniño, na celebración da noite electoral cesar galdo paz - entremedias

Os nacionalistas poden ter catro alcaldías e Secundino García apunta o fin «dos momentos convulsos no nacionalismo»

31 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Na primavera de 1999, chegaba a Ferrol o primeiro alcalde nacionalista. Xaime Bello simbolizaba esa irrupción do BNG no poder municipal, con ilustres precedentes como Xosé María Rivera Arnoso en Fene. Máis adiante chegarían seísmos tanto internos como externos, como cando apareceu Podemos no mapa. «Houbo momentos convulsos no nacionalismo e levou un tempo que nos volveran a aceptar», admite Secundino García Casal, que goberna desde hai dezaseis anos en San Sadurniño e iniciará agora o seu quinto mandato. Pero agora esta formación podería ter catro alcaldías na comarca (dúas aseguradas nese concello e en Moeche, e outras dúas con moitas opcións en Fene e Mugardos). «Xa non trascenden as pelexas doutros momentos como a asemblea de Amio, hai paz interna e subimos á ola do cambio», recoñece García Casal. O BNG regresa así na ría aos seus mellores tempos, a cando Bello asumía o mando da cidade naval hai case un cuarto de século.

O BNG de Fene durante a xornada electoral
O BNG de Fene durante a xornada electoral

Como a política funciona como un ascensor, o BNG sube e as agora antigas Mareas (como Ferrol en Común) baixan. Ademais desas catro posibles alcaldías, o partido logrou unha subida do 44 % en Ferrol con sorpasso a FeC e do 43 % en Narón. Entrou por primeira vez en As Somozas, volve a ter representación en Vilarmaior, sube en Cariño e triplica en Valdoviño. Recupérase como máis votado en Fene «despois de dezaseis anos», recorda o candidato desta localidade Juventino Trigo. E revive en Mugardos, onde no seu día xa tivo alcaldía con Xosé Fernández Barcia.

Iván Rivas na noite do 28M en Ferrol
Iván Rivas na noite do 28M en Ferrol CESAR TOIMIL

O candidato en Ferrol, Iván Rivas, apunta que «a sociedade pide unha alternativa política centrada no país, e na cidade é significativo que subimos un 44% mentres o resto das organizacións perden votantes nun contexto de abstención». Preguntado por se hai trasvase de votantes de FeC (ao igual que antes tamén se marcharon do Bloque), Rivas considera que «é transversal porque incorporamos a xente que puido ter escollido Ferrol en Común, PSOE ou Marea Ártabra que en 2019 sacaran 600 votos».

Beatriz Bascoy volveu a gañar en Moeche
Beatriz Bascoy volveu a gañar en Moeche

Moeche mantén á nacionalista Beatriz Bascoy como alcaldesa desde 2015 e inicia agora o seu terceiro mandato. Admite tamén que no BNG «xa non hai loitas internas, tivemos unha época dura de divisións pero agora funcionamos moi cohesionados». Atrás queda aquela asemblea de Amio, acontecida en 2012 cando Xosé Manuel Beiras oficializaba a súa saída do BNG. Meses despois nacía Anova, preludio das Mareas e némesis do nacionalismo tradicional durante un tempo. Con esa escisión, «pasamos por unha época dura pero co tempo tivemos recompensa», recalca Bascoy. Afirma que «si que houbo trasvase de votos das Mareas ou Podemos a nós, porque déronse conta de que mantíñamos unha traxectoria firme e deu os seus froitos». Bascoy recalca que «nós facemos xestión de proximidade».

Para Juventino Trigo, que celebra hoxe consello local en Fene, «o BNG ten as ideas máis claras e unha política construtiva ante un PSOE e un PP que só se adican aos insultos, onde gobernamos os veciños están contentos». Coincide Evaristo Deus, candidato en Mugardos, en que «como neste concello nos coñecemos todos levar unha boa lista como a nosa axuda moito». Nos últimos oito anos, «a vida municipal foi convulsa con desacordos, nós recollemos os votos dos desencantados e coa marcha de Pilar Díaz pode haber unha coalición con nós na que entren PSOE e EU».

Olaia Ledo, candidata do BNG de Narón, o día da votación
Olaia Ledo, candidata do BNG de Narón, o día da votación

Para Olaia Ledo, candidata en Narón, un punto forte é que «somos coherentes e os nosos gobernos melloran a vida dos veciños». Neste concello, onde hoxe celebran consello local, «felicitamos á alcaldesa de TeGa pero agora agardamos que nos chame». Conclúe Secundino García Casal que «o cambio de ciclo chega pola normalidade do BNG, por unha estabilidade que permite consolidar gobernos e volver a ilusionar a antigos votantes».