A sucesora de Roel di que a veces a súa xuventude xera algunha desconfianza
18 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.A finais do 2013, María Loureiro (Viveiro, 1981) recibiu unha herdanza inesperada. Asumía o bastón de mando de Viveiro despois da morte do alcalde, Melchor Roel. A candidata socialista debuxa a porta de Carlos V. Xa non hai herdanza. Hai eleccións.
-¿Ve a xente máis cansada da política nesta campaña?
-As municipais son eleccións distintas. A xente diferenza entre unhas xerais e unhas municipais. Hai desencanto coa política e os políticos, pero eu non o noto especialmente nesta campaña.
-Hai novos partidos. As mareas chegaron a Viveiro.
-Está ben que haxa diversidade de forzas, que a xente poida elixir.
-¿Como ve os posibles pactos?
-Non penso en pactos. Co único que non pactaría é co PP, porque non temos nada en común, nin nos concellos, nin en Galicia, nin no resto de España.
-¿Como é a convivencia cos políticos rivais?
-Neste último ano intento traballar sen entrar en discrepancias. A xente está moi cansada do «y tú más».
-¿Saíu moito a relucir na campaña a súa imputación?
-Usárona politicamente. Ata o presidente da Xunta.
-¿Como vive a situación? ¿Pensou en dimitir?
-Estou tranquila. Non se nos acusa de coller diñeiro. Pode soar mal o de prevaricación urbanística, pero é por licenzas de vivendas unifamiliares. Demostrarémolo onde sexa. Non vou adiantar acontecementos; o que sexa, será. Tes familia e dóeche, pero xa saben como é este mundo. Eu sigo na miña liña. Nunca pensei dimitir, porque comezamos un proxecto. Pero si que te plantexas seguir. O que pasa é que son positiva. Do malo sempre quito algo bo.
-¿Unha materia pendente do seu mandato?
-O Plan Xeral de Ordenación Urbana. Está parado en Patrimonio. Levamos un ano para que nos atendan. Mandaron o informe desfavorable e non nos reciben. Mándannos modificar o Pepri, o que supón máis tempo, custe, e cambia o proxecto inicial. Patrimonio métese en cualificacións do solo nos que non se mete Urbanismo da Xunta.
-¿O primeiro reto se goberna?
-Queremos impulsar o emprego dos máis xoves, non queremos que marchen de Viveiro.
-Coa situación do PSOE, ¿ve Viveiro coma un posible bastión?
-En Viveiro as enquisas son boas para o PSOE. Cheguei a este cargo de forma circunstancial e expóñome aos veciños porque quero ser a primeira muller alcaldesa elixida por eles.
-¿Como ve o seu partido a nivel galego e estatal?
-Os grandes partidos sufriron un golpe grande. Nós fixemos un cambio en Galicia e en España. Xente nova, aire fresco. Cada vez imos ter mellores resultados.
-Tivo por aquí a Pedro Sánchez hai pouco.
-Viñera a Viveiro cando no era secretario xeral, na campaña das europeas. É un rapaz moi cordial, acordábase de nós cando volveu.
-Vostede sempre ten moi presente a figura do anterior alcalde, o falecido Melchor Roel.
-O noso Melchor... Non hai día no que me acorde do noso Melchor, todo o mundo o recorda. Non era o típico alcalde de garabata, americana e restaurantes. Estaba na rúa. El conseguiu, despois de vinte anos de goberno popular en Viveiro, que por fin gobernara o PSOE. Nós continuamos ese proxecto. Fixo unha política moi social. Eu quero continuala. Recordo a súa honradez. Non pasaba nin unha dieta. Era dos alcaldes que menos cobraban.
-¿Hai machismo na política?
-O outro día oínlle a un representante político a expresión floreiro municipal. Entendo que é pola campaña. Eu nunca sufrín machismo. ¿Sabe que pesa máis? A xuventude, que xera un pouco de desconfianza.
-Ten unha nena pequena. ¿Como se concilia en política?
-A miña parella e eu traballamos e os dous colaboramos. A veces el pasa máis tempo coa nena, como agora na campaña. Tiramos de gardería, de avós... Hai que organizarse un pouco. A política sácache tempo, pero son unha privilexiada. Peor son outras nais, que teñen que fichar a unha hora determinada. Non me atrevo a queixarme.
-¿Quédalle tempo para o ocio?
-O meu tempo vai para a Blanca, a miña filla. Tamén me gusta facer deporte, pasear, ler... Estou lendo Muchachas, a triloxía de Katherine Pancol. Quedei un pouco parada no terceiro libro. É pola campaña. Son historias de mulleres loitadoras.
maría loureiro candidata do psoe en viveiro
Máis Persoal
-A materia que se lle atascou.
Matemáticas.
-Unha cidade distinta da súa.
-Ourense.
-¿As últimas vacacións?
-Pois unha fin de semana en Vigo.
-¿Ten mascotas?
-Un gato siamés que se chama Coco.
-En poucas palabras, Antonio Bouza, candidato do PP en Viveiro.
-Pois iso. O candidato do PP en Viveiro.
-Besteiro
-Traballo e proximidade. O próximo presidente da Xunta.
-Feijoo.
-Presidente da Xunta que ten olvidado a Viveiro.