Carmen Santos: «Villares foi nomeado dun xeito que non nos gusta, pero está lexitimado»
![Juan María Capeáns Garrido](https://img.lavdg.com/sc/ezscnGZ7aLsryPHDtgI719LL77E=/75x75/perfiles/155/1727959387040_thumb.jpg)
ELECCIONES 2016
A líder de Podemos lamenta a presión mediática sobre as decisións do partido e o pouco interese polo seu traballo
16 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Carmen Santos Queiruga (Porto do Son, 1981) medrou en Podemos Galicia a golpe de votacións, e agora sométese por primeira vez ao exame cidadán baixo o paraugas de En Marea. Non foi un camiño doado, porque tivo que ceder como secretaria xeral nunha negociación durísima ante os que agora son os seus compañeiros.
-¿Quedan feridas da integración de Podemos en En Marea?
-Houbo concesións por todas as partes e chegado un momento había que tomar unha decisión final. Este era o camiño que recollía o sentir dos inscritos, aínda que con outra fórmula xurídica. Ao final todos asumimos a confluencia para traballar en colectivo. Entre a xente das candidaturas hai sintonía, e a miña conclusión de todo isto é que a democracia é o mellor bálsamo para calquera tipo de discrepancia.
-¿Pode contar agora como foi o do tuit de Pablo Iglesias?
-Había moita presión mediática. Sen ela teriámolo xestionado doutro xeito, pero Pablo (Iglesias) decidiu asumir o custo ante as bases, e ese era o xeito máis inmediato para calmar as ansias de información de moita xente. Pablo falou comigo asumindo as consecuencias.
-Vostede, que é firme defensora das primarias, atopouse con Luís Villares elixido a dedo. ¡Podería ser outro calquera!
-Villares foi nomeado candidato dun xeito que non nos gusta, pero está lexitimado. Nese momento decidimos non presentar candidaturas porque era desgastarnos aínda máis e vimos que era a persoa que podía representarnos perfectamente ben: é integrador, fraterno e competente. Gañounos desde o minuto un.
-Moita xente que participaba en Podemos quedouse colgada na transición a En Marea.
-Os medios sacaron cuestións de sectores minoritarios. É certo que non as inventaron, pero é unha porcentaxe de xente moi pequena con ideas non compartidas pola maioría.
-Dan a sensación de perder demasiado tempo discutindo as súas cousas.
-Por algún motivo interesou máis o noso debate interno que o traballo externo. Pola miña parte dediquei moito máis tempo a traballar coa xente. É certo que hai procesos democráticos que poden ser duros, pero o outro extremo é o PP, no que todo é a dedo, non se discute nada e non sae nada á luz.
-Vostede sempre gañou nos procesos internos, ¿por que ten tantas voces críticas internas?
-Sempre tiven o respaldo da xente, e penso que é froito do traballo diario. Con erros e con acertos sempre tratei de ir coa honestidade por diante. Iso é o que valora a xente de Podemos. E se a alguén non lle gusto, chégame con coincidir no proxecto.
-A deputada de En Marea Ánxela Rodríguez fixo un comentario sobre vostede nun chat bastante desagradable e non sabemos se houbo desculpas.
-Ela ten que seguir o seu camiño e asumir as súas responsabilidades.
-¿Desculpouse?
-Desculpouse comigo cunha mensaxe privada, iso non quita que terá que pensar nos colectivos que se sentiron aludidos e que están moi doídos, sobre todo polo cargo que ela ostenta como representante de igualdade e diversidade de Podemos.
-Villares di que non é un político profesional. ¿Vostede?
-A min gústame dicir que participo en política, pero non podemos retroceder aos tempos da política como profesión. Isto é un servizo aos cidadáns, pero todos debemos ter unha profesión antes e, sobre todo, despois.
«Na miña vida teño pendente ser nai»
-¿Canto gañou o ano pasado?
-1.300 euros ao mes.
-¿Que patrimonio ten?
-Un Volkswagen Polo e algunha finca familiar.
-¿Fumou un porro algunha vez?
-Non fumei nin tabaco.
-¿Colabora con algunha ONG?
-Neste momento non, os cartos que podo derivar son para o meu entorno familiar, que ten problemas para chegar a fin de mes.
-¿Cantos libros leu este ano?
-Poucos este ano, tres.
-¿Cantas veces doou sangue este ano?
-Este ano ningunha.
-¿Estivo no paro algunha vez?
-Xusto despois da carreira e mentres preparaba oposicións.
-¿Cantos traballos tivo na súa vida?
-Seis. Fixen enquisas na universidade, estiven na oficina de estranxeiros e na Consellería de Traballo de Cataluña, no Ministerio de Ciencia e Innovación e agora no CSIC.
-¿Cantas horas durme ao día?
-Seis ou sete.
-¿Bebe alcohol?
-Unha cervexa ou un viño ocasional cando saio cos amigos.
-¿Como se chama a discoteca da súa vida?
-Otto Zutz, en Barcelona.
-En que animal se reencarnaría?
-Nunha felina, admiro a súa intelixencia e curiosidade.
-¿Que ten pendente na vida?
-Ser nai. A conciliación será unha prioridade política para min.