¡Súmate á Plataforma Proyecta!

La Voz

ESCUELA

Carlos Ocampo

O programa ofrece aos profesores formación, recursos e metodoloxías para aplicar as tecnoloxías na aula

26 sep 2012 . Actualizado a las 14:00 h.

O curso arrincou cunha importante novidade para a comunidade docente galega: a Plataforma Proyecta, un proxecto educativo pioneiro que ten como obxectivo axudar aos profesores no uso das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) nas aulas e que está destinado tanto aos docentes con menos experiencia tecnolóxica como a aqueles de niveis intermedio e avanzado.

Neste espazo web, concibido como unha plataforma virtual de traballo, encontro e intercambio, os profesores de todos os niveis educativos poderán atopar modernas ferramentas TIC, recursos educativos en liña, metodoloxías e, sobre todo, sinxelos videotutoriais e casos prácticos para poder aprender paso a paso como usar cada un dos contidos propostos e aplicalos do xeito máis eficaz ás clases.

A Plataforma Proyecta, á que se accede desde a dirección www.plataformaproyecta.org, é unha iniciativa das fundacións Amancio Ortega e Santiago Rey Fernández-Latorre e ten como obxectivo axudar á comunidade docente de Galicia a facer uso das tecnoloxías da información e a comunicación na aula, sexa cal for o nivel de cada profesor. Para iso, deseñouse un espazo web sinxelo e intuitivo cuxos contidos foron seleccionados ou elaborados por un equipo de profesionais da educación e das novas tecnoloxías, tendo en conta as distintas materias e niveis de ensino.

Concurso de vídeos educativos

De forma complementaria e para animar á comunidade docente a participar, Proyecta convocou tamén un concurso de vídeos educativos: Aprendendo con vídeo. Neste certame poderán participar todos aqueles profesores que se somen ao programa de formación de Proyecta e elaboren dentro deste programa algún contido audiovisual educativo. Para inscribirse, deben facelo a través do formulario dispoñible na plataforma ata o día 10 de outubro.

O concurso desenvolverase en tres bloques e terá dúas categorías: vídeo-lección (elaborada de forma individual) e vídeo-proxecto (elaborado por varios membros da comunidade escolar, incluídos alumnos e pais). A primeira fase durará oito semanas e farase en liña, será de formación e ofrecerá aos docentes as claves para facer os seus vídeos. No bloque seguinte, os participantes disporán de seis semanas para elaborar o seu propio recurso educativo, para o que contarán con formación adicional, seguimento e apoio en liña por parte do equipo de Proyecta.

A última parte inclúe a publicación dos vídeos e a selección dos mellores traballos mediante votación pública e dun xurado de expertos. Os gañadores en cada categoría recibirán 2.000 euros reembolsables en actividades formativas ou material tecnolóxico de uso escolar.