O acudir ás urnas en liberdade é algo definitorio do sistema democrático. As decisións que tomen os responsables políticos teñen que estar apoiadas polo sentir da cidadanía. Unha das lendas urbanas refírese a que en tempos nos que en Gran Bretaña gobernaba Margaret Thatcher (1979-1990), coñecida como a Dama de Ferro, un moi alto militar foi falar con ela cando estaba a piques de comezar a recuperación a canonazos das illas Malvinas, en 1982. O militar cadrouse e díxolle que non estaba de acordo en como estaba a levar ela o conflito. Thatcher, sen perder o seu frío sorriso, respondeulle: «Pois acórdese de non votar por min nas seguintes eleccións». O día 21 renóvanse os Parlamentos de dúas autonomías. As autonomías «inventáronse» no caso español canda a Transición, esa época entre a morte do xeneral Franco e a consolidación da democracia, seguindo o modelo das illas Feroe, a primeira autonomía do mundo. E falamos de 1948. Xa que logo, en plena Segunda Guerra Mundial.