O xornal especializado «Magisterio» recoñece o seu «exemplo veterano e destacable»
08 nov 2012 . Actualizado a las 14:46 h.O suplemento La Voz de la Escuela, xerme do Programa Prensa-Escuela de La Voz de Galicia, foi distinguido polo periódico Magisterio cun dos seus premios Protagonistas de la Educación 2012, galardóns que concede anualmente esta veterana publicación a aquelas persoas, institucións, entidades e empresas que participan de xeito destacado na tarefa da educación.
O premio concedido ao programa de La Voz, que desenvolve a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre, recoñece o «exemplo veterano e destacable» de La Voz de la Escuela na aplicación dos programas internacionais de prensa na escola que intentan axudar aos escolares nos seus procesos de aprendizaxe mediante a utilización do xornal na aula. Magisterio, publicación do grupo Siena, destaca a participación ao longo dos anos de miles de estudantes a través de La Voz de la Escuela, que comezou a editarse o 14 de abril de 1982 e que na actualidade está integrado no Programa Prensa-Escuela de La Voz de Galicia.
Os Premios Protagonistas da Educación 2012, que distinguen tamén a outras nove persoas e entidades, recollidas na columna da dereita desta páxina, entregaranse o próximo día 29 de novembro no Caixafórum de Madrid durante unha cerimonia que estará presidida pola princesa de Asturias, Letizia Ortiz.