Noticias con propostas de debate para que non dean calado na clase
21 nov 2012 . Actualizado a las 12:27 h.O xa repetido slogan de «Prohibido falar na clase» lévanos necesariamente a recoller a voz dos alumnos, dos que xa falan e saltáronse a suposta prohibición. Na edición dixital do xornal, poderás atopar o texto completo desta selección esporádica de exemplos que testemuñan como, de que, cando e por que falan os alumnos. Le o texto enteiro da noticia, colocando na casa superior dereita o título que damos da noticia.
1. VOTO INFANTIL
Un partido alemán propón rebaixar a idade electoral ata os 7 anos
La Voz, 23/1/2012. O rotativo Bild revela hoxe que o parlamento de Berlín debaterá esta semana a proposta dos Piratas, que propoñen rebaixar en cinco anos a idade electoral ata os 16 anos, en 10 anos ata os 14 e en 15 anos ata os 7.
Os Piratas, formación que agrupa a defensores da liberdade total na rede de Internet, desexan que en 20 anos teñan dereito de sufraxio ata os recentemente nados, coa única condición de que presenten unha solicitude formal de voto na oficina electoral do seu distrito. Benedikt, de 8 anos, asegura que daría o seu voto a quen «rebaixe o prezo dos xoguetes» e Valentina, de 7 anos, ao partido que «ensanche as portas» do seu colexio, onde se apertan «para entrar en clase».
ACTIVIDADE: Dar o dereito a voto é moito máis que dar a palabra, esixindo aos políticos que tampouco calen e falen claro cando teñan que defender os dereitos dos cidadáns. ¿Votarías ti? ¿Que pedirías?
2. PLENO MUNICIPAL
Os nenos toman a palabra en Noia
La Voz, 14/12/2011. Pouco ou nada tiña que ver o ambiente que onte se respiraba no pleno infantil que presidiu o alcalde noiés, Rafael García Guerrero, cos que o salón nobre acolle o resto do ano. E nin falta que facía, sobre todo porque os interlocutores que tiña enfronte, escolares dos colexios María Asumpta, Rodríguez Cadarso e Felipe de Castro, eran moito máis inocentes que os compañeiros de corporación aos que o rexedor ten que facer fronte nas sesións plenarias de cada mes.
Os noieses máis pequenos demostraron coñecer a polémica que xerou o proxecto de limpeza e retirada do dique da ría en maio, e cuxa resolución aínda hoxe segue sendo un misterio.
n ACTIVIDADE: O pleno infantil no salón noble do Concello debería existir tamén no colexio. ¿Non che parece? ¿Por que esperar a ser tan maiores para poder opinar e falar dos nosos problemas?
3. NON Á GUERRA
Os nenos volveron reivindicar o seu dereito a crecer en paz
La Voz, 31/1/2012. Que as guerras caian no esquecemento e non sigan enchendo as páxinas dos libros de historia. Este é o desexo que por desgraza aínda soa a utopía e que leva cada ano a miles de escolares a participar no Día da Paz. No colexio ribeirense O Grupo, os pequenos reuníronse ao mediodía no pavillón para deixar claro cos seus murais e obras de arte que non queren máis conflitos. Con este fin tamén demostraron a súa habilidade co inglés, traducindo a este idioma o lema «Eu teño un soño»: «I have a dream».
n ACTIVIDADE: Un paso máis: non vale dicir só non queremos máis conflitos que suceden por aí fóra, o cal está moi ben: é necesario solucionar os nosos de cada día, aínda que non soltemos pombas dentro de clase. Ánimo, pois.
4. REFORESTACIÓN
Os alumnos do Mosteirón encheron de madeira as aulas
La Voz: 31/5/2012. Baixo o título Entre árbores, os máis pequenos tiveron unha misión moi importante: organizar unha exposición con obxectos de madeira que utilizan todos os días na casa. Papeis, lapis, marcos de fotos, mangos de ferramentas ou cubertos, e «ata táboas de cortar filetes», foron algúns dos obxectos desta mostra. Como o tema de Voz Natura deste ano era a reforestación, os alumnos centráronse en analizar as características dun determinado grupo de árbores, como castaños, eucaliptos ou fragas.
ACTIVIDADE: A moitos alumnos gústalles moito o teatro simbólico e antopomórfico: ¿que é iso? ¿Por que non facemos de árbores e contamos a nosa pena bosque? ¿Quen elixe ser carballo, castaño, piñeiro... ou eucalipto, tan criticado?
5. FOTOVOZ
A Estrada dá voz aos alumnos para lograr a inclusión
La Voz, 14/3/2012. A actividade leva por título Fotovoz e pretende que os alumnos dos colexios públicos de Oca, O Foxo, Figueiroa, Codeseda, Manuel Villar Paramá de Vexa e Pérez Viondi fagan oír as súas voces a través da fotografía.
Para iso pedirase ao alumnado que faga fotografías dos lugares do centro nos que lles gusta estar e dos que non, das zonas nas que se senten incluídos e dos espazos dos que se ven excluídos. As ideas dos estudantes sobre a exclusión aflorarán a través da fotografía e a reflexión grupal usarase como ferramenta para promover cambios de actitude.
n ACTIVIDADE: Finalmente, unha idea bonita: ¿que relación hai entre o espazo onde vives e a inclusión de todos, ou cada un ten que vivir en sitios distintos e non admitir alí máis que os da súa corda?
PROHIBIDO NON FALAR NA CLASE
Estes días atoparás xa na sección e-studio de noticias unha lección de refráns e poesías que teñen como obxectivo popular o comentario, crítica, condicións e formas do bo falar e como inflúe a palabra na creatividade e comunicación de ideas nas persoas e nos grupos de alumnos no colexio. Selecciona alí a divertida lección:
n http://www.prensaescuela.es/web/lecciones/index.php