A curiosidade por oficio

> Ana Abelenda

ESCUELA

Os periodistas son os interrogados na web do programa educativo Prensa-Escuela

28 nov 2012 . Actualizado a las 11:49 h.

Quizás non existe unha resposta para todas as preguntas que se lle pasan a un pola cabeza, pero practicar a curiosidade significa intentalo. O proceso de produción dun periódico, coa súa maquinaria despachando exemplares por miles a gran velocidade, é un dos asuntos que espertan o interese dos rapaces nas aulas sobre o oficio da comunicación. O periodismo achega a vida a través de historias, feitas con imaxes e palabras que responden a interrogantes que abren as portas pechadas do mundo, de realidades diversas.

Que, cando, onde, como e por que son preguntas fixas ante un feito que se converte en noticia. Aquí ou noutro lugar do mundo, como Paquistán. Alí nos leva unha das últimas preguntas recibidas na sección Pregunta a un periodista, da web de Prensa-Escuela (www.prensaescuela.es). «¿Por que a nena Malala está en estado crítico se xa tería que estar morta polo tiro que lle pegaron na cabeza por defender o dereito ao estudo das mulleres?», formula Jéssica Doldán, do CEIP Francisco Vales Villamarín, de Betanzos. E obtén de Sara Carreira, periodista da sección de Sociedade de La Voz de Galicia, esta resposta: «Malala non morreu por dous motivos: o primeiro, porque tivo moitísima sorte; e segundo, porque está a ser tratada nun hospital occidental. Malala recibiu dous disparos, un na cabeza e outro no colo. O Goberno de Paquistán deuse conta da importancia desta rapaza e decidiu trasladala en avión a Inglaterra, onde está a ser tratada nun hospital. Alí, cos mellores medios dispoñibles, vaise recuperando. Grazas á súa loita e valentía, en Paquistán será gratuíto e obrigatorio estudar ata os 16 anos, nenos e nenas, igual que en España».

¿Como se pode chegar a un sitio a tempo de capturar a noticia?, ¿de onde nace a inspiración para escribir algunhas historias que se publican no xornal?, ou ¿cando foi o primeiro partido de fútbol? son outras das preguntas plantexadas á web do programa educativo de La Voz.

Carmen, do Colexio Santo Domingo, da Coruña, lanza a seguinte: ¿Por que os periodistas falades tanto de política? Unha boa pregunta que ten a súa resposta de periodista na páxina web www.prensaescuela.es