Voluntarios en liña

> Jesús Garrido > cursosrepeducador.es

ESCUELA

Hoxe tócanos recoller algunhas noticias que falen de voluntarios e, se son en liña, mellor. Están de actualidade e, ás veces, trabállase sen saír do pupitre de clase, que é precisamente o que suxerimos nesta modalidade da que falamos tamén en primeira páxina do suplemento e coa que podemos conectar facilmente.

05 dic 2012 . Actualizado a las 13:35 h.

1. PRO-UNICEF

Os nenos axudan aos nenos

Co programa pro-Unicef, os nenos, a través de eventos deportivos ou educativos, recadan fondos para axudar aos máis necesitados. Con gran éxito realízase en Finlandia e xa se estendeu a outros países como Alemaña, Xapón e Noruega.

Todos os anos, máis de 100.000 nenos e mozos finlandeses axudan ás súas contrapartes nos países en desenvolvemento por medio das accións de Unicef. A actividade máis popular é a marcha a prol de Unicef, un evento que combina o deporte, a educación e a recadación de fondos.

Trátase de que cada corredor consiga unha serie de patrocinadores que fagan doazóns a Unicef proporcionalmente á distancia percorrida: canto maior sexa a distancia que percorras, maior será a cantidade que doarán os teus patrocinadores.

ACTIVIDADE: Conexión con Nenos a prol de UNICEF. ¿Apuntámonos? ¿Inventamos algo parecido e publicámolo en liña?

2. TAPÓNS DE PLÁSTICO

Dous mil quilos de tapóns para Paula

La Voz, 29/11/2011. A semana pasada realizouse o primeiro envío de tapóns, un cargamento de algo máis dunha tonelada de peso recollido principalmente en Boiro. Con todo, non é no municipio onde reside a familia da pequena o único lugar no que se leva a cabo a recolección de tapóns, senón que os puntos de recollida esténdense por toda a comunidade autónoma, e incluso máis aló das fronteiras galegas. Onte mesmo, sumáronse a esta proposta unha ducia de establecementos comerciais de Bertamiráns, co que o número total destes recipientes solidarios incrementouse ata achegarse aos 150, repartidos en municipios como Muros, Padrón ou Santiago. Doutra banda, convén recordar que este fin de semana están programados diversos actos solidarios a favor de Paula.

ACTIVIDADE: Mira en YouTube «Tapóns para Sara». Outros vídeos: «Tapóns para Aitana». «Tapóns para Sergio». «Tapóns para Cloe». «Tapóns solidarios»

A Federación Española de Bancos de Alimentos, premio Príncipe de Asturias da Concordia 2012

La Voz, 12/9/2012. A Federación Española de Bancos de Alimentos obtivo o Premio Príncipe de Asturias da Concordia. Segundo reflexa na súa acta, decidiu conceder o galardón á Federación Española de Bancos de Alimentos como expoñente dun esforzo internacional solidario para aliviar algunhas das necesidades máis apremiantes da poboación, hoxe agudizadas pola crise económica

Os doantes de alimentos e os voluntarios e organizacións que os canalizan constitúen exemplos decisivos e xenerosos deste esforzo altruísta en favor dos demais. Integrada na Federación Europea de Bancos de Alimentos, que aglutina un total de 204 bancos de 21 países, a premiada creouse en 1996 para coordinar as actividades destas organizacións benéficas sen ánimo de lucro existentes en toda España.

ACTIVIDADE: En www.lavozdegalicia.es podes atopar un gran número de noticias relacionadas con Banco de Alimentos, preto do teu colexio. ¿Pode o colexio facer algo polos que nada teñen que levar á boca?

3. PREMIADOS

4. CRUZ VERMELLA

O proxecto Neo

O obxectivo do proxecto Neo da Cruz Vermella é integrar aos mozos de entre 14 e 18 anos como voluntarios de xeito progresivo, fomentando, á súa vez, a educación en valores e a promoción de actitudes positivas. O proxecto máis destacado é o Neo. Desenvolve espazos de lecer e tempo libre desde o compromiso solidario coa realidade social. Contén unha Guía de desenvolvemento moi completa e dinámica.

ACTIVIDADE: Esta proposta é xa para os maiores. Facilita o desenvolvemento dun programa concreto, en contacto coa Cruz Vermella próxima, pero podemos en liña con outras escolas e intercambiar ideas:

www.cruzrojajuventud.org/docs/neo/neo.html

5. UNHA DE DEBUXOS

Multimedia interactiva

É un documento simpático e rápido e que se divide en tempos de debuxo. Cada debuxo completado serve para facer stop e ver ata que punto entendemos a mensaxe que incita ou motiva aos voluntarios para facer algo, tendo en conta os elementos que alí se propoñen: ¿que lle falta, que lle sobra, que suxire, que problemas de axuda poden xurdir cos gráficos propostos?

ACTIVIDADE: Conecta con este vídeo. É fácil facer unha tradución en clase e logo ila lendo ao ver o vídeo, deténdose un pouco despois de cada secuencia. A discorrer tocan.

https://bit.ly/SqpP81

6. ENTRECULTURAS

La Silla Roja

La Silla Roja é un asento reservado para a educación, unha idea da oenegué Entreculturas. Unha cadeira que necesita do teu respaldo. Coa túa colaboración, din desde Entreculturas, poderemos seguir traballando para sentar en cada cadeira vermella aos 61 millóns de nenos e nenas que agora mesmo non poden ir á escola.

ACTIVIDADE: Un suxestivo vídeo dáche as pistas para o teu traballo e conexión:

http://www.lasillaroja.org