Prensa-Escuela convoca unha nova edición do seu concurso de bitácoras de aula
06 feb 2013 . Actualizado a las 12:25 h.Non importa a disciplina, o nivel educativo nin a metodoloxía. Tanto ten que sexa en galego, en castelán ou en inglés. O importante é dispoñer dun blog na plataforma de Prensa-Escuela e traballar con el durante o curso empregando o xornal. Así de sinxelo é participar nunha nova edición do Concurso dos Mellores Blogs que vén de convocar o programa educativo de La Voz, que desenvolve a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre en colaboración coa Obra Social de Novacaixagalicia.
O certame está aberto a toda a comunidade escolar de Galicia e ten como obxectivo fomentar o uso das novas tecnoloxías na aula a través dos blogs e a prensa. Os profesores que queiran participar non teñen máis que abrir unha bitácora a través da páxina web de Prensa-Escuela ou, se xa a teñen de anteriores edicións, manter a súa actividade durante o curso.
O que fagan na blogosfera ata o final das clases será o que teña en conta o xurado do concurso para elixir os mellores traballos da edición 2012-2013. Os aspectos que máis se van valorar son os contidos ou as metodoloxías innovadores desde o punto de vista pedagóxico, a presentación e a diversidade das actividades propostas, a calidade dos elementos multimedia e a interactividade. Tamén se terá en conta o carácter comunicativo dos cadernos dixitais, os vínculos que suxira, o respecto ás fontes de información e a coherencia dos contidos.
Prensa-Escuela, que constata curso tras curso a eficacia dos blogs como ferramenta pedagóxica, repartirá tres premios entre os profesores que xestionen as mellores bitácoras e os seus alumnos. O primeiro premio consiste nunha estancia no Parque Aventura de Manzaneda para un máximo de 25 nenos e dous adultos, xentileza de Oca-Hoteles. O profesor recibirá tamén un libro electrónico Energy Color eReader. O segundo premio é unha xornada no circuíto Karting Racing Dakart de Sanxenxo e un libro electrónico Papyre 602 para o coordinador do blog. Os alumnos que queden terceiros van recibir un MP3 e o seu profesor, unha estancia para dúas persoas nun hotel spa de catro estrelas. Os premios entregaranse na festa fin de curso de Voz Natura, que se celebra no mes de xuño.