Investigar

> Jesús Garrido cursosrepeducador.es

ESCUELA

CEDIDA

É o tema de hoxe, que propomos na volta de vacacións, cando aínda a primavera se está abrindo despois do duro inverno, e antes de que nos apuren coa inminencia dos exames. ¿Como vai o sentido de investigación na túa clase? ¿Isto da investigación é só para as ciencias? No demais: na literatura, no idioma, na arte, no comportamento humano, na relixión, na saúde, no deporte... ¿xa está todo investigado, nada hai que saber, ou esperamos a que outros nolo dean feito? Escribe, comunica, seguramente teredes moito que dicir, tal como fan estes colexios que comunican os seus traballos.

03 abr 2013 . Actualizado a las 12:04 h.

1. AFÁN POLA INVESTIGACIÓN

O ADN é cousa de nenos

(La Voz, 22/1/2013) «Totalmente impresionado», así quedou o experto en xenética e catedrático de Medicina Legal Ángel Carracedo tras o seu encontro de onte con alumnos do colexio de Abanqueiro. Aos alumnos de cuarto a sexto de primaria o profesor explicoulles que é o ADN e a súa importancia. O doutor en medicina explicou que só nun par de ocasións mantivo encontros con estudantes tan novos, mentres que si é frecuente que os realice con alumnos de bacharelato. Os alumnos de Abanqueiro parecen ter un camiño xa andado, polo menos no seu afán pola investigación, un campo ao que moitos deles din que queren dedicarse.

- ACTIVIDADE: Os escolares tamén lle mostraron os seus experimentos sobre enerxía estática e, ademais, fixérono en inglés. «Estes mozos, dixo o investigador, teñen un nivel moi alto, e están moi ben estimulados por uns profesores modélicos´. En fin, puro ADN de calidade.

2. AMEXAS E RECTÁNGULOS

Alumnos de Mugardos presentan os seus experimentos nun congreso

(La Voz, 21/11/2012) Alumnos de Mugardos presentan os seus experimentos nun congreso. Un dos grupos elaborou unha investigación sobre a ameixa babosa para coñecer cal é o mellor tamaño para comprala, para o que contaron coa colaboración do persoal da Confraría de Pescadores mugardesa. O outro grupo, decantouse por reinterpretar o experimento de Gustav Frechner (que fixo un estudo estatístico entre centenares de persoas sen experiencia artística ás que lles pediu que escollesen o rectángulo que máis lles agradase esteticamente entre varios preseleccionados) facendo unha sondaxe entre máis de cincocentos veciños de Mugardos para coñecer nesta zona que rectángulo gañaría.

- ACTIVIDADE: En realidade, nada teñen que ver as ameixas cos rectángulos, pero a elección de elementos tan dispares demostra con claridade o afán investigador dos alumnos e os seus profesores, que se van á praza ou á rúa para comprobar que pensa a xente.

3. LOBOS SI OU NON

Alumnos do Courel gañan un premio de investigación cun estudo sobre os lobos

(La Voz, 15/6/2012) Un grupo de alumnos de segundo curso de ESO do colexio público de Seoane do Courel foi galardoado co segundo premio da última edición do concurso de investigación científica para escolares Luis Freire por un traballo sobre a poboación de lobos da serra. O certame é organizado desde 1999 polo Concello da Coruña e El Corte Inglés, en colaboración coa Asociación de Amigos da Casa das Ciencias. O traballo premiado foi realizado co asesoramento do biólogo José Vicente López-Bao e tiña o obxectivo, por unha banda, de determinar se na serra do Courel existe actualmente unha poboación de lobos.

- ACTIVIDADE: Nunha enquisa feita co fin de coñecer a opinión sobre o lobo, un 55,8 % dos 153 veciños mostráronse contrarios á presenza destes animais na zona, mentres que o 28,5 % pronunciouse a favor e o 15,5 % declarouse indiferente. A postura de rexeitamento é maior entre os máis anciáns.

4. EXPOCIENCIA EN OURENSE

¿Duran máis as candeas de cores?

(La Voz, 24/4/2012) ¿Como se fan as mellores madalenas? ¿Que envases de zume son os mellores para levar nas mochilas? ¿Que luz atrae máis ás couzas? ¿Que plantas crecen mellor no deserto? Estas son só algunhas das preguntas que se fan os alumnos do colexio Guillelme Brown da Ourense que participan en Expociencia. Onte abriron as portas aos seus experimentos. Hipótese, investigación e conclusións que mostran non só en grandes carteis, senón tamén a través das súas experiencias.

- ACTIVIDADE: ¿Saberiamos, por exemplo, contestar a esas catro preguntas formuladas na noticia? Seguramente, moi pronto terás na túa zona algunha exposición de ciencias onde nun día podes aprender unha chea de respostas a preguntas de todos os días. ¿Consultaches algunha vez a sección Pregunta a un científico do Programa Prensa-Escuela: http://www.prensaescuela.es/web/ciencia/ultimaspreguntas.php?

5. RESIDUOS ORGÁNICOS

Alumnos do IES de Baio visitan na Coruña varios proxectos de reciclaxe de residuos orgánicos

(La Voz, 22/2/2013) Un grupo de 31 alumnos do IES Maximino Romero de Lema, de Baio, acudiron esta mañá á Coruña para coñecer de primeira man algúns sistemas de xestión de residuos orgánicos. Os estudantes, de terceiro e cuarto de secundaria, visitaron a planta de tratamento de Nostián e o centro de compostaxe da Universidade da Coruña (UDC), onde puideron ver de cerca o sistema experimental desenvolvido no campus polos alumnos de Arquitectura. O instituto baiés é un dos nove centros de toda Galicia seleccionados para coñecer os traballos de investigación en materia de residuos orgánicos da UDC. Tamén participa na iniciativa o IES Pedra de Aguia, de Camariñas, cuxos alumnos visitaron as instalacións.

- ACTIVIDADE: Conecta con esta ligazón e verás datos sobre o novo Plan de Xestión de Residuos de Galicia (PGRUG 2010-2020) e onde van 1.212.990 toneladas de residuos, que corresponden a unha media 1,2 quilos de lixo por habitante. ¿Pódense comprobar, talvez mellorar, esas cifras, polo menos no que a ti che corresponde?