Este sábado tes unha cita...

M. Simón Gómez

ESCUELA

Prensa-Escuela e Voz Natura únense para celebrar o fin de curso con miles de rapaces

29 may 2013 . Actualizado a las 07:01 h.

Chegou o momento de pousar os libros. De cambiar o colexio polo parque e os pupitres polos inchables. Cando menos por un día... E ese día é o próximo sábado 1 de xuño cando os programas Prensa-Escuela e Voz Natura xuntan a todos os seus participantes para despedir o curso 2012-2013 cunha gran festa ambiental, lúdica e deportiva, aberta e gratuíta para todas as persoas que desexen asistir. A cita é no parque de Acea de Ama, en Culleredo, a seis quilómetros da cidade da Coruña.

A festa contará cun completo programa de actividades pensadas para todas as idades e para todos os gustos que funcionarán entre as 11.00 as 19.30 horas. Haberá un campo cheo de inchables, un tiovivo, obradoiros diversos, exposicións, deportes de aventura, tenis, paseos en carruaxe de cabalos, obras de teatro, contacontos e moitas máis cousas que se poden consultar, cos seus horarios, na páxina web de Voz Natura: www.voznatura.es. E a mellor noticia para as familias: todo de balde.

Para repor forzas, no parque instalaranse postos de comida, neste caso, previo pago, e hai amplas zonas verdes para xantar de campo se optan por levar a comida da casa. A festa tamén contará cun dispositivo sanitario para atender calquera problema que puidera xurdir e cun plan especial de tráfico para regular os accesos e os aparcadoiros (na zona hai unhas 500 prazas dispoñibles).

A xornada incluirá a entrega dos premios aos mellores proxectos ambientais realizados este curso ao abeiro do programa da Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre. Entregarase o premio Galicia ao CPR Seminario de Lugo, catro galardóns provinciais e un ao mellor traballo infantil.