Os e-studos de noticias

La Voz

ESCUELA

Os e-studos son propostas didácticas baseadas nas noticias dos xornais.
Os e-studos son propostas didácticas baseadas nas noticias dos xornais. XOAN A. SOLER

A Sala de profesores da web do Programa Prensa-Escuela segue medrando ano a ano con novas propostas didáctica

12 jun 2013 . Actualizado a las 07:01 h.

Vinte novos e-studos incorporáronse este curso á xa longa lista de leccións baseadas precisamente en noticias que ocuparon no seu momento páxinas e páxinas do xornal. Son en grao sumo variado pero todos eles teñen algo en común: a posibilidade de aplicación inmediata en distintas áreas de aprendizaxe.

A súa estrutura é similar ao esquema clásico das unidades didácticas, pero cunha característica especial e coherente coa idea de vincular calquera traballo do Programa Prensa-Escuela cunha noticia e a súa didáctica, facendo honra a esas dúas palabras crave. En primeiro lugar, preséntase a noticia ou noticias que orixinaron o e-studo e a continuación desenvólvense os obxectivos e contidos de cada tema concreto, proponse diversas actividades para desenvolver en clase, facilítanse recursos dispoñibles e finalízase, en ocasións, cunha proposta metodolóxica e un modelo de avaliación.

Ademais dos e-studos dirixidos a áreas concretas de aprendizaxe, cada ano publícanse catro ou cinco que consideramos estratéxicos para a utilización didáctica do xornal na aula ou relacionados coa orientación educativa. Uns refírense ao coñecemento do xornal en si, outros tratan temas como o estilo de aprendizaxe preferente de cada alumno (neste curso, presentouse e analizouse o sistema 4MAT) ou están relacionados coa orientación educativa.

PARA SABER MÁIS

- Abre a web do Programa Prensa-Escuela (www.prensaescuela.es) e a sección Sala de profesores. Alí atoparás a lista completa dos e-studos editados dende o 2007.