Tomámolo como un símbolo deste Día Internacional das Montañas. E o é. Non só pola súa historia desde antigo, senón tamén por ter sufrido ultimamente o máis atroz dos ardores. E non só para Galicia. Hoxe imos mirar cara ao Pindo: «O monte do Pindo é un macizo granítico de 627 metros de altura que se atopa no concello coruñés de Carnota. Existen numerosas lendas sobre este monte ao que os historiadores románticos denominaron o Olimpo celta»... Así nolo presenta a Galipedia. n Incendio, repoboación, morada de deuses, música, poesía, nenos voluntarios, Asociación Monte Pindo, parque natural son os eixos das nosas 7 noticias para hoxe nesta breve homenaxe. n Para ler a noticia completa, vai a www.lavozdegalicia.es e escribe as primeiras palabras do título da noticia na casilla que ten unha lupa.
1. INCENDIO
Case 72 horas de lume reducen a cinzas todo o monte Pindo
(La Voz, 15/9/2013) Case 72 horas de lume ininterrompido, ata que onte ás seis da tarde a Xunta deu o incendio do monte Pindo por controlado, deixaron tras de si un rastro de devastación, que ademais das 2.200 hectáreas calcinadas, puxeron en verdadeiro perigo primeiro as casas de varias poboacións de Carnota e Mazaricos e despois as do Ézaro, en Dumbría.
ACTIVIDADES: Un libro: «A terra queima», de Xurso Souto (texto) e Lola Carnota (música). «Antón debería sentirse orgulloso: foi el quen convenceu aos profesores para ir de excursión ao Pindo...».
2. REPOBOACIÓN AUTÓCTONA
Árbores autóctonas repoboarán o monte
(La Voz, 14/11/2013) A Asociación Monte Pindo Parque Natural asinou un convenio co Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia, dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), mediante o cal este último órgano se compromete a fornecer árbores autóctonas certificadas xeneticamente para repoboar o monte arrasado polas chamas hai uns dous meses. O CSIC vai entregar a Monte Pindo árbores como carballos, castaños e ameneiros.
ACTIVIDADES: «Vento e choiva», de Gago, M. e Cráneo, M., poden ser a nosa lectura que lle dea vida e alento ao monte queimado.
3. MORADA DE DEUSES
O lume destruíu o vello monte sacro
(La Voz, 15/9/2013) O lume destruíu por completo o vello monte sacro de Galicia. Queimar o monte Pindo é como destruír o monte sacro de Galicia. O Pindo é lugar de interese comunitario e forma parte da Rede Natura. Conta unha lenda remota que o Pindo estaba todo poboado de carballos, aos que prenderon lume.
ACTIVIDADES: M. Gago y M. Cráneo describen o proxecto Torre dos Mouros na zona de Lira e Carnota, cerca do Pindo. ¿Interésache a arqueoloxía?: http://www.youtube.com/user/torredosmouros
4. MÚSICA
Luar na Lubre: un tema dedicado ao Olimpo celta
(La Voz, 2/12/2010) Luar na Lubre segue unido á Costa da Morte no seu último disco, cun tema dedicado ao Olimpo celta. Esta circunstancia foi eloxiada onte pola Asociación Monte Pindo Parque Natural, que traballa para que a mítica montaña granítica ascenda algúns banzos na súa protección, recoñecemento e difusión.
ACTIVIDADES: Busca Luar na Lubre / Monte Pindo, do álbum «Solsticio».
5. POESÍA
A Asociación Monte Pindo presenta o poemario «Versos no Olimpo»
(La Voz, 25/6/2013) A Asociación Monte Pindo presentou en Santiago e Carnota o poemario Versos no Olimpo. O monte Pindo na poesía galega, unha iniciativa da asociación que foi posible grazas a unha subscrición popular na que participaron un centenar de persoas. A obra, unha colección de poemas sobre o monte Pindo, foi coordinada por Miro Villar e Francisco Fernández Naval, e inclúe 79 poemas de 56 autores.
ACTIVIDADES: «Versos no Olimpo» (VV. AA.), financiada mediante suscrición popular. «O monte Pindo é a nosa catedral, un lugar sacro desde a noite dos tempos» (Gilberto Caamaño, presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural).
6. NENOS / SOS
Os nenos enchen a primeira acción de voluntariado
(La Voz: 20/11/2013) O proxecto de voluntariado para recuperar o monte Pindo, que foi arrasado polas chamas, SOS Monte Pindo xa arrincou. E foron unha trintena de nenos, acompañados polos seus monitores e tamén por anfitrións pertencentes á Asociación Monte Pindo Parque Natural, os que o puxeron en marcha.
ACTIVIDADES: Recomendámosche o conto infantil de Manuel Rivas, recentemente editado e que fala de «O raposo e a mestra», da editorial Agapea. «O raposo Pindo é un raposo solitario, que sabe as falas de todos os animais e as persoas. Pindo ten un poder: é quen de hipnotizar a calquera cos seus ollos de lanterna. Ese poder conseguiuno, vendo como o Sol pousaba a súa luz, ao afundirse no mar, despedindo o día».
Recursos
Asociación Monte Pindo Parque Natural. Enderezo postal: O Rabecho, s/n. 15296, O Pindo (Carnota). A Coruña. Enderezo electrónico: info@montepindo.org Tfno.: 655 56 43 72 / 667 393 173. Conecta con eles. Atenderanche moi ben.