As causas, os nomes, os feitos e as consecuencias

La Voz

ESCUELA

07 may 2014 . Actualizado a las 12:28 h.

As causas

En primeiro lugar convén analizar a situación xeral do mundo no ano 1914 e as causas que provocaron a guerra. Adoitan citarse catro principais:

1. O imperialismo das grandes potencias, que se disputaban distintas partes do mundo para explotar os seus recursos naturais e asegurarse o abastecemento de materias primas e de mercados.

2. A carreira armamentística, que levara á produción de novas armas máis poderosas e sofisticadas, tanto no mar como na terra ou no aire.

3. As alianzas establecidas, que levaran a un equilibrio de poder inestable entre dous grandes bloques formados por unha banda entre os chamados imperios centrais (Alemaña e Austria-Hungría), aos que se asociaba o Imperio turco, e pola outra o Imperio británico, o ruso e Francia. Este equilibrio foi o que se alterou co ataque do Imperio austro-húngaro a Serbia despois de atentado de Saraievo.

4. As tensións nacionalistas no seo dos grandes imperios, sobre todo na zona dos Balcáns, sometidos aos turcos durante longos séculos e no seo do Imperio austro-húngaro. Cada unha destas causas merecería un estudo pormenorizado.

Os nomes

En segundo lugar hai que pasar revista aos protagonistas da historia, aos personaxes que coas súas decisións influíron no devir dos acontecementos, nos políticos en primeiro lugar e nos militares despois.

Os responsables últimos de todo o que ocorreu foron os xefes dos Estados, a maioría emperadores como o kaiser de Alemaña, Guillerme II, o tsar de Rusia, Nicolás II, o emperador británico Jorge V, o vello emperador austro-húngaro Francisco José, pero tamén políticos influentes como David Lloyd George, primeiro ministro inglés, e xenerais famosos como Moltke e Von Hindenburg no Exército alemán e os xenerais Joffre e Pétain no Exército francés.

Os feitos

En terceiro lugar é importante percorrer os acontecementos que se sucederon nas diversas frontes da guerra. As ofensivas máis importantes, as batallas, os avances e retrocesos, as rendicións, armisticios e tratados de paz. A guerra estivo chea de grandes enfrontamentos e foi moi sanguenta, a pesar de que as frontes se moveron moi pouco por mor das fortificacións e o asentamento dos exércitos en trincheiras difíciles de superar. Foron catro anos de pequenos avances e retrocesos nos que se demostraron a eficacia de novas armas como os tanques, a guerra química, os lanzachamas, lanzagranadas, metralladoras lixeiras... mentres a aviación empezaba a desenvolverse, sobre todo en misións de observación. Pero ademais das batallas, ocorreron feitos transcendentais, como a Revolución rusa, que se desenvolveu en dúas fases, unha primeira en febreiro de 1917 e a segunda en outubro do mesmo ano.

As consecuencias

Finalmente habería que contemplar as consecuencias que tiveron para o futuro do mundo aqueles tráxicos acontecementos, que cen anos máis tarde seguen aínda configurando as nosas sociedades. Os dous grandes imperios centrais disolvéronse e perderon territorios. O Reich alemán converteuse na República de Weimar e o Imperio austro-húngaro na pequena República austríaca. No centro de Europa xurdiron varias nacións novas de dimensións reducidas. Desapareceron cabezas coroadas e familias reais, para aparecer repúblicas, políticos e eleccións. Con todo, as consecuencias sancionadas no tratado que puxo fin á guerra e foi asinado en Versalles, seguindo unha folla de ruta que trouxo baixo o seu brazo o presidente Wilson, líder da última nación que entrou no conflito, os Estados Unidos, non resolveu as tensións políticas existentes e co tempo converteuse na fonte de novos e máis graves conflitos que se revelaron 18 anos máis tarde, co estalido da Segunda Guerra mundial.