Cronoloxía dunha opa bancaria

L. Cancela LA VOZ DE LA ESCUELA

ESCUELA

Oficinas anexas del Sabadell y BBVA en Barcelona
Oficinas anexas del Sabadell y BBVA en Barcelona Toni Albir | EFE

Un banco grande, o BBVA, quere comprar outro máis pequeno, o Sabadell. Explicámosche en que consiste este proceso

14 oct 2025 . Actualizado a las 17:08 h.

No mundo da economía hai un tema que leva candente desde o 2024, e está previsto que se resolva dentro duns días. O banco BBVA está moi interesado en adquirir o Banco Sabadell, pero o consello directivo deste último prefire que non suceda. Para conseguilo, o BBVA ten que convencer aos accionistas do Sabadell.

Que bancos son?

O BBVA naceu no País Vasco (Banco Bilbao Vizcaya y Argentaria é o seu nome). É un dos grandes bancos españois, de gran tradición, e máis que triplica o tamaño do Sabadell, que é un banco catalán moi recoñecido por traballadores autónomos e pequenos empresarios de toda España.

Que está a pasar?

No ano 2020, os dous bancos mantiñan conversacións preliminares nas que falaban dunha posibilidade de que o Sabadell se fusionara (formara parte del) co Banco Santander, o máis grande de España. No 2024, o BBVA fixo unha oferta: por cada cinco acciones do Sabadell darían unha das súas (xa vos dixemos que o BBVA é tres veces máis grande). Con todo, o consello directivo (o grupo que toma as decisións) do Sabadell non o viu con bos ollos a idea.

A continuación, o BBVA lanzou unha opa (oferta pública de adquisición) hostil, é dicir, tentou comprar o Sabadell sen o consentimento dos xefes deste. Falou entón cos donos das accións, os accionistas. Os responsables do banco vasco entenden que xuntos formarán unha compañía máis forte e poderosa, que pode ter mellores ofertas para os seus clientes e vantaxes para os accionistas (inclúe os do Sabadell). O Sabadell, pola súa banda, di que a fusión prexudicaría os clientes porque, ao haber menos competencia (menos bancos), deberán aceptar as condicións que impoña o BBVA.

Pero que son as accións?

Nesta historia son moi importantes porque supoñen, por así dicilo, os anacos nos que se divide un banco ou calquera outra empresa que cotiza en bolsa (o mercado onde se compran e venden as accións).

Que pasou despois?

O BBVA seguiu adiante coa opa hostil. De feito, pediu autorización para facela á Comisión Nacional del Mercado de Valores (CNMV), que se encarga de supervisar os mercados financeiros en España; á Comisión Nacional de los Mercados y la Competencia (CNMC), que se encarga de velar pola competencia (que ninguén teña só todo o mercado, o que se coñece como monopolio); e ao Banco Central Europeo, que supervisa a estabilidade financeira dos bancos importantes. Ademais, o BBVA fixo máis atractiva a oferta. Pola súa banda, o Banco Sabadell devolveu a súa sede a Cataluña (estaba en Alacante desde o 2017, despois do auxe do independentismo).

E agora que pasa?

Finalmente, o pasado mes de setembro, a CNMV aprobou a opa do BBVA sobre o Sabadell, despois de ter que facerlle algúns cambios, e lanzouna oficialmente o 8 de setembro. Agora son os accionistas do Sabadell os que teñen que falar. Poden aceptar o troco de accións ata este venres, día 10.

As claves: dunha operación amigable á hostil, diferenzas de termos

Neste tema, repetimos as siglas de opa en varias ocasións, e aínda que puidestes entender que implica, imos profundar nel. Unha opa, que significa oferta pública de adquisición, é un mecanismo mediante o cal unha empresa tenta comprar outra empresa que cotiza en bolsa ofrecendo aos seus accionistas a posibilidade de venderlles as súas accións xeralmente a un prezo superior ao do mercado (é dicir, máis caras), co obxectivo de obter o control da compañía ou aumentar a súa participación. Noutras palabras, unha entidade quere comprar os anaquiños de propiedade doutra firma. A cambio pode ofrecerlles diñeiro, accións ou unha combinación de ambas as cousas.

Hai dous tipos principais de opa: a amigable e a hostil. A opa amigable consiste en que a dirección da empresa obxectivo está de acordo coa operación; neste caso, a compañía adquirente negocia previamente co consello de administración e ambas as partes cooperan para levar a cabo a compra, o que xeralmente fai que o proceso sexa rápido e fluído.

Doutra banda está a opa hostil, que consiste en que a empresa que lanza a oferta non conta co respaldo da empresa obxectivo, e decide falar directamente cos accionistas para tentar convencelos de que vendan as súas accións. É un proceso polo que adoita haber máis conflitos. En España, as opas están controladas pola Comisión Nacional del Mercado de Valores (CNMV). Esta entidade supervisa que todo se faga de maneira xusta, que os accionistas teñan toda a información e que as regras se cumpran correctamente.

Por exemplo, no caso do BBVA e o Sabadell, o éxito da opas depende da porcentaxe de accións que adquira o banco vasco. Se a aceptación dos accionistas é inferior ao 30 %, a operación non tería éxito. Se alcanza unha porcentaxe entre o 30 e o 50 %, o BBVA estaría obrigado pola normativa a lanzar unha segunda opa. Por último, se supera o 50 %, o BBVA lograría o control total do Sabadell.

Actividade básica

Porcentaxes

Imaxinade que cada alumno da vosa clase é un accionista dunha empresa. Cantos alumnos serían necesarios para que a OPA saíse exitosa? E para que fose denegada? A resposta está na columna.

-------------------

As actividades están deseñadas por L. Cancela  

Edificio da Bolsa en Madrid
Edificio da Bolsa en Madrid Altea Tejido | EFE

Sistema financeiro: bancos no noso día a día

Sen este tipo de entidades non existiría crecemento económico a grande escala. Son hoxe determinantes na economía global

O sistema financeiro é o conxunto de institucións, mercados e instrumentos que permiten a circulación do diñeiro, facilitando o aforro, o investimento e o crédito. Os bancos cumpren funcións moi importantes na vida cotiá: permiten gardar diñeiro de forma segura, realizar pagos mediante tarxetas ou aplicacións, aforrar e solicitar préstamos para estudos, vehículos, vivendas ou proxectos persoais.

Se entendemos a súa importancia, entendemos que sen un sistema financeiro sólido o capitalismo moderno non podería funcionar. Por exemplo, as empresas necesitan financiamento para investir, innovar e crear emprego; os fogares requiren crédito para comprar unha vivenda ou emprender un negocio. Sen bancos, moitas oportunidades económicas perderíanse.

Mesmo a pequena escala, o acceso a servizos financeiros é vital: por iso, cando se pecha unha oficina bancaria nunha localidade, os veciños senten que perden algo máis ca un servizo: perden acceso directo ao seu diñeiro ou a préstamos. Ou, se unha persoa quere mercar unha casa, necesitará diñeiro dun banco, porque pagando un aluguer non será quen de xuntar o que vale unha casa.

Imos máis alá. O exemplo de Muhammad Yunus e o Banco Grameen, en Bangladesh, amosa como o sistema financeiro tamén pode ser un motor de cambio social. Yunus creou microcréditos (mesmo duns poucos euros) para persoas sen acceso ao crédito tradicional, permitindo a miles de emprendedores, sobre todo mulleres, xerar ingresos e mellorar as súas condicións de vida. É tan importante esta iniciativa que foi recoñecida co premio Nobel da Paz no 2006, que subliñou que o diñeiro, ben xestionado e accesible, pode transformar sociedades.

Agora ben, tampouco hai que idealizar os bancos, porque son empresas e, como tales, teñen os seus propios intereses, e o primeiro é gañar diñeiro para os seus donos (os accionistas). Por iso necesitan unha regulación dos Estados que garanta que cumpran de maneira segura e responsable para a sociedade.

España, un sistema reformado pola crise do 2008

En España existen diferentes tipos de bancos. Os principais bancos privados, que operan co interese de obter un beneficio, que reparten entre os accionistas (donos dunha pequena parte do banco). Algúns dos máis coñecidos son o Banco Santander, un dos máis grandes do mundo, con sede en España; o BBVA, presente en varios países e cunha forte presenza dixital; CaixaBank, que ten unha gran rede de oficinas; ou Abanca, con sede en Galicia e que ofrece servizos tanto a particulares como a empresas.

Tamén hai caixas de aforros, que tiveron unha época de moito éxito sobre todo a finais do século XX, pero a crise financeira do 2008 case acabou con todas elas. De feito, CaixaBank inclúe as antigas La Caixa (catalá) e Caja Madrid. A diferenza entre un banco e unha caixa de aforros é que estas non teñen beneficios nin accionistas, e o que gañan dedícase a obras sociais, e están moi vinculadas ao territorio.

É toda unha armazón. En España, ao contrario que noutros países, como Alemaña, non hai bancos públicos. Temos un banco regulado, o Banco de España, que está vinculado co Banco Central Europeo.

Cando elixades un banco, deberiades ter en conta as comisións (unha cantidade de diñeiro que cobra por utilizar os seus servizos), os servizos dixitais, a proximidade dos seus caixeiros para sacar diñeiro ou as ofertas que vos poidan interesar (vantaxes para mozos, por exemplo).

Actividade media

Todo o que fan os bancos

O seguinte exercicio está destinado a que reflexionedes sobre a función do diñeiro e a necesidade de ter entidades financeiras. Pensade en tres situacións cotiás, como ir ao cine. Despois, analizade como intervén o banco nelas.

Entender: Tanto tes, tanto vales, a clave do éxito banqueiro

  • Xa dicía Cervantes, por boca de Sancho, que tanto tes, tanto vales. E hoxe, 400 anos despois, cúmprese moitas veces. De que maneiras credes que os bancos poden axustarse a esta idea? Por exemplo, en momentos de crise, os Gobernos sempre rescatan os bancos.
  • O que está claro é que os bancos son empresas e que, polo tanto, buscan obter un beneficio. Por iso existen institucións como a CNMV ou a CNMC, das que falamos na primeira páxina e que vixían e regulan o sistema financeiro en nome de todos nós, para que non haxa abusos, para protexer os cidadáns nun mundo onde o diñeiro ten tanto peso.
  • Agora ben, poderíamos imaxinar un mundo sen bancos, un mundo sen diñeiro? Hoxe parece case imposible. Pero non é imposible que haxa bancos con outras filosofías, a chamada banca ética. Investigade que é iso e como se traduce nun caso práctico. Interésavos un banco así?

Actividade avanzada 

Planificar desde cero

Dividide a clase en tres ou catro grupos. Cada grupo ten que crear o seu banco: con nome, logo, tipo de clientes, ofertas de produtos como contas ou tarxetas... Debedes explicar ao resto como gañades diñeiro e os riscos que tedes.

Profundar: Non podemos esquecer a responsabilidade individual que todos temos no consumismo

  • Vivimos rodeados de mensaxes que nos convidan a comprar. As redes sociais están cheas de «influencers» que nos ensinan o que «necesitamos» ter. E sen darnos conta pensamos que todo iso é certo. Pasouche?
  • Nun mundo capitalista como o noso, o consumo move a economía. É dicir, canto máis compramos, máis medra o mercado. A empresas son conscientes e fan todo o posible para que merquemos máis. Un exemplo son os anuncios sobre as facilidades que nos dan para comprar con pagos a prazos.
  • Claro que estas medidas poden ser necesarias para bens básicos ou que precisamos moito. Por exemplo, mercar un coche e pagalo a prazos porque temos que utilizalo para ir a traballar e non hai transporte público.
  • Pero neste sistema de consumo excesivo tamén hai persoas que piden un crédito para ir de viaxe. Fano porque pensan que xa o pagarán aos poucos. Pode parecer inofensivo, pero ao final o banco sempre cobra a súa parte e, como pagas o crédito, quedas con menos cartos para rematar o mes. De feito, acabamos pagando moito máis do que custaba.
  • Entón, de quen é a responsabilidade? Dos bancos, que ofrecen créditos case sen pensalo? Nosa, que os aceptamos? A resposta non é simple, pero é necesario que cada un sexa responsable das súas accións. Ten sentido comprar algo que sabemos que non nos podemos permitir e que non necesitamos?, cal é a decisión máis intelixente?