Esta semana celebramos o día mundial do algodón, o tecido das nosas vidas

S. P.

ESCUELA

Pinto & Chinto

Só unha tonelada do cultivo dá traballo a cinco persoas durante un ano

07 oct 2025 . Actualizado a las 04:14 h.

Sabedes cal é o cultivo non alimentario máis estendido do mundo? Dende a semente ata a súa colleita poden pasar dende cinco a case sete meses... A pista que vos deixo é que onte celebrouse na cidade de Roma o seu día mundial (baixo o lema Algodón, o tecido das nosas vidas) e que os primeiros fragmentos da súa tea datan de hai oito mil anos en Paquistán e máis de sete mil en México.

Hoxe falamos do algodón, un cultivo que é o sustento de máis de mil millóns de persoas nunha gran variedade de climas: dende Estados Unidos, América Latina, o sueste asiático, África e Australia, pasando por países europeos como Grecia, Bulgaria e tamén España. Ao máis alto nivel estaría China, que é o principal produtor de algodón, seguida da India, Estados Unidos e Brasil. A produción anual é de 28.500.000 toneladas! 

Pero falemos primeiro do algodón: trátase dunha fibra téxtil de orixe vexetal pertencente á familia de plantas do xénero Gossypium cuxo termo provén do árabe al-qutun. De feito, foron os árabes quen introduciron a planta en Europa no século XII.

Na actualidade, existen máis de cincuenta variedades naturais que se diferencian na altura, aparencia e resistencia. Dependendo da lonxitude da súa fibra, existe o algodón indio (curta), o americano (mediana) e o exipcio (extralarga). Poderiades mencionar algúns tipos de tea que se confeccionan co el? Quizais vos sexa de axuda botarlle un ollo á etiqueta dalgunha prenda de roupa que levedes posta. Pero como exemplos, son moi coñecidos o popelín (lixeiro, brillante e suave), o satén e mais o percal, que adoitan empregarse nas sabas.

Aínda que principalmente se cultiva para a industria téxtil, como xa vos contaba (a súa fibra é 100 % natural e biodegradable), non hai nada que se desperdicie do algodón. Como curiosidade, as súas fibras tamén se atopan nos filtros de café, en plásticos biodegradables e mais nos billetes. Incluso conta con subprodutos comestibles: o aceite da súa semente emprégase na cociña e tamén en aperitivos como as galletas ou as patacas fritidas. Por outra banda, a fariña das sementes e as cáscaras convértense en alimento para o gando e fertilizantes.

Como cada un dos días mundiais dos que falamos nestas páxinas, o do algodón (que se celebra dende o 2019) tamén busca concienciar a poboación. Neste caso, faino sobre a súa importancia a nivel mundial no desenvolvemento económico e sostible, o comercio internacional e a mitigación da pobreza. É que, como dato, unha tonelada de algodón dá emprego a cinco persoas durante un ano, moitas veces nas rexións máis empobrecidas. Máis polo miúdo, nesta edición do 2025 debateuse como mellorar a súa produtividade.

Para saber máis

En que zonas de España se cultiva o algodón? Esa é a actividade que vos deixo hoxe. Podedes buscar na aula imaxes das plantas.