La Voz dedicou, dous días despois do pasamento en 1885, case medio xornal á poeta
10 oct 2025 . Actualizado a las 11:31 h.En xullo fixo 140 anos que morreu Rosalía de Castro. O 16 dese mes de 1885, La Voz de Galicia publicou a noticia na sección de Telegramas: «Padrón 15 (5.20 t.). Falleció hoy en esta villa la eminente poetisa gallega Rosalía Castro de Murguía. [...] Mañana tendrá lugar el entierro», e en De sol á sol ampliouna: «¡Rosalía [...] la que supo arrancar á las cuerdas de su lira los melancólicos acentos que pone la nostalgia en los labios de todos los hijos de esta tierra; la que tuvo cantos imperecederos para las bellezas de su país nativo [...]. ¡La que tantos días de gloria ha dado á Galicia, dejó de existir!».
Antes de continuar: non vos rechaman as diferenzas co xeito de publicar noticias parecidas hoxe en día? Primeiro, que a nova saia en dúas páxinas e en dúas seccións diferentes do xornal, que se debía a que daquela, sen ordenadores e compoñendo os textos letra a letra fisicamente, non había marxe para cambiar as cousas que xa estaban medio feitas. Segundo, que o telegrama se reproduce tal como chegaba, coa data (día 15, Padrón) e a hora (esas cinco e vinte da tarde) incluídas. E ese estilo máis propio dunha elexía que da sobriedade do xornalismo actual? Sabedes que é unha elexía?
A segunda noticia conclúe cunha promesa que hoxe é inconcibible nun xornal: «Otro día, algo aliviada nuestra actual congoja, quizá ensayemos algunas líneas para expresar toda la admiración que sentimos por la ilustre autora de Follas novas».
A promesa cumpriuse ao día seguinte cun extenso texto á fin do cal se aclara que «forma parte del libro que con el título Los precursores ha escrito el ilustre literato y querido amigo nuestro Sr. D. Manuel Murguía», o home de Rosalía. Quen mellor ca el para facer a necroloxía da «insigne poetisa»? O libro estaba neses momentos nos prelos de La Voz, aclárase ao final. O texto ocupa case dúas páxinas enteiras, e daquela o xornal só tiña catro. Ou sexa, case medio xornal. Amais, unha particularidade gráfica fai máis especial o número 1.115 de La Voz: un grosísimo bordo negro arrodea toda a primeira páxina. Sen dúbida foi unha das noticias ás que máis importancia deu La Voz en toda a súa historia.
Canto ao contido do texto, pode dividirse en dúas partes: unha máis biográfica, aínda que non é unha biografía convencional, senón que destaca aqueles acontecementos que explican a personalidade de Rosalía, o impulso creativo e aquela soidade que impregnou o seu corazón «para siempre de la profunda melancolía que baña sus composiciones», amais da saudade de Galicia que sentía.
O traslado a Madrid
Murguía refire algúns episodios desgraciados da vida de Rosalía, dende a súa fráxil saúde —«Desde sus primeros años, estuvo ya materialmente entre la vida y la muerte»—, pasando pola separación da nai e da Iria Flavia da súa nenez, até os primeiros «desencantos», reflectidos nos primeiros versos que escribiu, aos 11 anos; en especial, o traslado a Madrid aos 19 anos callou nun sentimento de soidade que impregnou o seu corazón «para siempre de la profunda melancolía que baña sus composiciones».
Fala Murguía do seu primeiro libro de poemas, La flor, publicado en 1857 en Madrid, do que fixo unha recensión antes de coñecela. Salientou como a poeta fuxía da gloria, debido á posición que á muller se lle daba na sociedade, o cal, lamenta Murguía, leva a unha morte en vida a «tantas mujeres de grandes dotes». Por sorte, «la mala ventura de Galicia, que en más de una ocasión vio malograr sus mejores ingenios, no quiso por esta vez que enmudeciese aquella voz», xusto cando «una verdadera noche, reinaba en el cielo literario de Galicia».
Enfastiada pola soidade, e a paisaxe, de Madrid, decide escribir o poema «Adiós ríos, adiós fontes», que se publica na revista El Museo Universal en 1861. Escribe pro primeira vez en galego, pensando, segundo Murguía, que non ha de volver a Galicia. Este poema é o xerme de Cantares gallegos, un libro de amor ao país atravesado pola melancolía.
Regresou a Galicia, pero decontado morreu a súa nai «de golpe en sus brazos». Di Murguía que iso puido facerlle renunciar ao proxecto dos Cantares, pero ao ver impreso o primeiro prego foi quen de continuar escribindo «aprisa, [...] sin corregir ni leer al día siguiente lo escrito la víspera, fecunda, abundante, espontánea». E engade que Nicomedes Pastor Díaz eloxiou a frescura daquela «nueva aurora, un despertar provincial que contribuiría a crear la nueva patria», da que destacaba que o que máis lle agradaba era ler «en aquel dulcísimo dialecto que había hablado en su niñez», nese estilo tan natural e popular.
Dúbidas sobre o galego
Despois de expoñer as súas dúbidas sobre a conveniencia de escribir en galego e dunha reflexión sobre a misión do poeta na creación da patria, Murguía compara os poemas dos Cantares e de Follas novas con Robert Burns, principal poeta romántico escocés; con Reinrich Heine, o alemán considerado derradeiro romántico; e con Frédéric Mistral e o seu «Poema de Mireya» escrito en occitano, lingua minoritaria e marxinada daquela, coma o galego. Describe despois a linguaxe rosaliá, sensible, sinxela, pura, popular, e tamén enérxica, exacta e natural, o que o leva a comparala con Goethe e con Byron.
Enterramento en Iria Flavie e traslado ao Panteón de Galegos Ilustres
Rosalía foi enterrada en Iria Flavia, onde morrera, rodeada dunha «grandísima» multitude, di La Voz o 19 de xullo: «Á la sombra de aquellos cipreses de que nos habla en sus Follas novas». E xa ese día comeza La Voz a impulsar a idea de honrar a poeta cun monumento: «Ofrecemos nuestro humilde concurso para la realización del siguiente pensamiento propuesto por nuestro apreciable colega santiagués El Libredón», un xornal compostelán cofundado por Alfredo Brañas en 1875 que máis adiante se refundou en El Pensamiento Gallego. E ese pensamento consistía en erixir por subscrición popular «un rico y artístico mausoleo en el cementerio de Iria Flavia, donde fuesen colocados los restos mortales de la autora inmortal de Follas novas».
Esta idea iría evolucionando, e ao ano seguinte, o 14 de xaneiro, comeza a falarse de fundar en Santaigo un «Panteón de Gallegos ilustres en el templo de la Angustia, [...] ó en otro lugar más adecuado». E un mes despois parece que entraron as présas, pois La Voz fala de inauguralo en xullo como parte dos festexos do ano santo compostelán (17/2/1886). Pero isto ía ir máis amodo. O 26 de xuño de 1888 concrétase en La Voz que «va á comenzarse en el hermoso templo de Santo Domingo de Santiago, abriendo en una de sus capillas el arco sepulcral de Rosalía Castro».
Por fin, o 25 de maio de 1891, un día de choiva torrencial en Compostela, puntualiza o cronista, «las venerandas cenizas de la eximia poetisa, trasladadas del atrio de la iglesia de Iria-Flavia, han penetrado ya para su eterna paz en el hermoso templo de Santo Domingo de Santiago». A crónica describe a arquitectura da igrexa e fai algo de historia dos obstáculos que se houberon de superar antes de instalar na capela da Visitación o arco mural onde repousa Rosalía, e reproduce ea inscrición que nel figura, e que podedes ver na imaxe.
ACTIVIDADES
1. Investigade cal foi o seguinte galego ilustre trasladado ao Panteón, onde está o seu sepulcro e por que.
2. Enumerade os outros galegos ilustres que acompañan a Rosalía e en que ámbitos destacaron.
3. É obrigada a lectura de ao menos un poema, o de «Adiós ríos, adíos fontes», por exemplo.