Celebramos unha xornada para reflexionar sobre comer de menos e de máis
14 oct 2025 . Actualizado a las 17:49 h.Mañá é o Día Mundial da Alimentación, unha xornada que leva moitísimos anos no noso calendario: dende 1979! Podes pensar que é raro ter un día para falar da comida, pero, que une a todas persoas do mundo? Basicamente, que comemos e durmimos (tamén imos ao baño, e de feito hai un día dedicado a iso). E é certo que facemos outras cousas, como chorar, rir, namorarnos, pelexarnos... pero comer e durmir, facémolo (ou debemos facelo) cada día.
Pero ademais xa saberás que non todo mundo ten o mesmo acceso aos alimentos. Ti tes fame e vas á neveira ou a alacena da casa e algo atopas, aínda que sexa un cacho de pan. De feito, é posible que teñas demasiadas cousas onde elixir, e non moi boas, como galletas, doces ou comida precociñada. Pero en moitas partes do mundo, e mesmo preto de nós, hai nenos que non teñen nada de comida na casa, non teñen tan sequera neveira.
Para axudar a estas persoas, a ONU —unha organización de todos os países do mundo— ten un equipo de xente especializado, a FAO. Esta entidade traballa para que a ninguén lle falte comida, e o seu obxectivo, dentro da Axenda 2030 é conseguir a «fame cero». Teñen unha etiqueta para compartir nas redes, #FameCero. Paréceche que a fame non existe? Pois hai 300 millóns de persoas (en España non somos nin 50 millóns) que sofren inseguridade alimentaria aguda, é dicir, que poden morrer de fame.
Pero se non ter comida é malo, tela de máis, como pasa nos países ricos, tamén o é. Fíxate que a FAO di que hai 850 millóns de persoas obesas, aquelas que teñen moito máis peso do que deberían: son case tres veces máis que persoas con fame, fai a conta.
Pensaches algunha vez por que collemos tanto quilo de máis os humanos? Verás, nós somos exactamente iguais que hai 50.000 anos, e daquela aínda non traballabamos a terra (non había agricultura). Sempre andabamos de acá para alá, sen casa fixa, como moito nunha gruta durante uns meses, e comiamos o que atopabamos. Os expertos calculan que comiamos unhas 6.000 plantas diferentes. Sabes cantas nos alimentan hoxe? Nove son o 66 % dos cultivos que hai no mundo (dous cousas de cada tres que plantamos).
O caso é que hai miles de anos non parabamos quietos moito rato, e o noso corpo, que é extremadamente práctico, cando recibía máis comida da que necesitaba, gardaba un pouco para os días de camiñar ou para cando tiñamos que escondernos nas grutas sen poder saír cazar. Ademais, como o cerebro consome sobre todo glucosa (o azucre do sangue), o doce chíflanos.
Se ao costume de gardar o que sobra lle sumas o moito que nos gusta o doce e o pouco que nos movemos hoxe... Pois xa tes a obesidade explicada!
Texto adaptado
Adaptación realizada por Antía Vázquez, profesora de Pedagoxía Terapéutica no IES Poeta Díaz Castro (Guitiriz)