Viralidade: os riscos que agochan as redes

L. Cancela LA VOZ

ESCUELA

MARTINA MISER

Dúas adolescentes de Estados Unidos perderon a vida despois de tentar o perigoso reto de «subway surfing», que consiste en surfear o metro

15 oct 2025 . Actualizado a las 17:59 h.

Internet e as redes sociais parecen unha contorna segura por ser virtual, pero non sempre o son. Mesmo, temáticas que parecen banais como un reto divertido que poden non selo. A semana pasada, dous adolescentes foron atopadas sen vida nunha estación de metro de Nova York, e a culpa foi dun reto.

Que sucedeu?

Crese que estas dúas mozas estaban a facer subway surfing, que se traduce como surfear no metro, un reto que se estendeu nas redes sociais e que consiste en viaxar encima do convoi do metro. Coa súa morte, a cifra de falecidos por esta tendencia elévase a cinco no que vai de ano.

Hai solución?

Téntase. A Autoridade de Transporte Metropolitano (MTA, polas súas siglas en inglés) e a Policía aumentaron as medidas para tratar de poñer freo á práctica. Entre outras cousas, crearon a campaña de concienciación Ride Inside, Stay Alive (en galego, Viaxa dentro, mantente vivo) e empezaron a utilizar drons para identificar a quen practica subway surfing. Con este caso vemos como, por tentar sumarse a unha tendencia, o resultado é mortal. A mala noticia é que non é o único que se deu a coñecer desde o auxe das redes sociais.

Como cales?

En Nova Zelandia, un mozo faleceu tras sufrir un golpe moi forte na cabeza despois do reto run it-straight, que basicamente consiste en facer unha placaxe de rugby entre dous xogadores sen ningunha protección.

Outro dos que se deu a coñecer foi o blackout challenge, o desafío do desmaio, que consistiu en provocar a perda de conciencia por falta de osíxeno. Estes son exemplos moi tráxicos e, por sorte, non son a maioría. Agora ben, existen outros que non teñen un mal final, pero que carecen dalgún sentido. Mesmo, en Galicia.

En Galicia?

Así é. As piscinas públicas de Ordes e de Xinzo tiveron que pechar pola aparición de excrementos fecais. Isto debíase a un reto viral de defecar en piscinas públicas, que xa sucedeu noutras partes en veráns anteriores, e que obrigou a pechar máis de 300 destas instalacións por toda España. Desde logo, non se trata dun evento cun final tráxico, pero si é un acto incívico que prexudicou a moitos usuarios.

Non todos son visibles

O peor é que non todos os retos, ou actos perigosos, son visibles. Hai contidos que permanecen ocultos. Nas redes sociais existen tamén comunidades e perfís que fomentan condutas nocivas, especialmente entre os máis novos.

Un dos casos máis preocupantes son as páxinas e contas que promoven os trastornos da conduta alimentaria (TCA), coñecidas popularmente como pro-ana e pro-mia, estes espazos difunden consellos extremos para comer o menos posible, inducir o vómito ou esconder os síntomas a familiares e profesionais da saúde. Isto é daniño para a saúde. Aínda que as plataformas pechan os grupos nos que detectan este tipo de comportamentos, volven a xurdir. Algo especialmente preocupante, pois están a aumentar os doentes.

 

Por que a xuventude é máis susceptible ás redes?

Os adolescentes sodes máis vulnerables aos contidos que se expoñen en redes sociais, e isto ten unha razón científica: os vosos cerebros aínda se están a desenvolver. A área cerebral encargada de procesar o pensamento racional e os impulsos, que é a cortiza prefrontal, aínda non está completamente formada —e non o fará ata que pasedes de vinte anos—. Por iso, as mozos tendedes a ser máis impulsivos e a pensar menos nas consecuencias.

Ademais, a estas idades, buscades a aprobación do círculo que vos rodea, é dicir, das amizades. Por iso, se un mozo considera que subir un reto ás redes sociais pode facer graza a outros ou parecer interesante, é probable que o faga. Pero xa saberedes que as persoas temos unha vontade para controlar os impulsos.

Os retos tamén poden ser solidarios e querer cambiar o mundo

Non todos os retos virais rematan mal. Aínda que ás veces as redes énchense de desafíos absurdos ou perigosos, tamén hai moitos que naceron para facer xusto o contrario: unir á xente, concienciar e cambiar o mundo. O potencial das redes é inmenso.

Un dos exemplos máis coñecidos é o Ice Bucket Challenge. Foi un reto no que a xente se tiraba un cubo de auga xeada por encima. Aínda que moitos o facían por diversión, detrás había un obxectivo solidario: recadar fondos para investigar a ELA (esclerose lateral amiotrófica). Outro exemplo foi o que vimos durante a pandemia. Moitos usuarios compartían vídeos bailando ou facendo deporte en casa para animar a outros. En España, o #EuquedonacasaChallenge foi un exemplo claro de como internet pode ser un lugar de conexión.

Actividade básica

O voso reto

Por grupos, pensade nun reto que creades que poida facerse viral. Por exemplo, entrar a clase dando saltos en lugar de camiñando. Despois, reflexionade sobre a vosa idea e por que creedes que a xente o faría.

-------------------

As actividades están deseñadas por L. Cancela 

Un uso das redes socias que non implica unha decisión plena

XOAN A. SOLER

A maioría dos rapaces tendes contacto con internet, e a partir dunha idade, coas redes sociais. Podemos pensar que cada un ten o seu propio estilo, pero isto é verdade ata un punto, porque as redes sociais (TikTok, Instagram e, mesmo, Spotify) teñen unha influencia no que nos gusta, no que non nos gusta, no que facemos e ata no que queremos ser. Está claro que isto non se decide dunha maneira directa, por así dicilo, non hai un señor pulsando un botón, pero si hai un algoritmo que coñece moi ben aos seus usuarios.

Cada «gústame», cada vídeo que ves ata o final ou cada publicación que pasas sen mirar é unha pista. As plataformas recollen millóns delas e crean unha versión dixital de ti. Esa versión non ten as túas dúbidas nin as túas contradicións: só os teus hábitos. E como o obxectivo é que pases o máximo tempo posible dentro, o algoritmo ensínache o que cre que non poderás deixar de mirar. Non che ofrece cousas novas para que experimentes ou aprendas, pero moitas veces descobres por casualidade algo (xa sexa unha canción que alguén te ensina ou unha serie que ven os teus pais) que te encanta. Non temos un só gusto, en xeral as persoas somos moi eclécticas.

Pero nas redes o resultado é que consumes un fragmento do mundo que che encanta, pero que non é o mundo real. É un universo deseñado para manterche aí, para facerche sentir parte de algo, para convencerche de que o que todos fan é o normal. O mundo é moito máis.

Por iso, pódese dicir que as redes sociais dinnos como vestir, teñen un impacto na música que escoitamos ou nos lugares que queremos visitar. Os retos virais son só a versión máis extrema do poder das redes, especialmente, cando son perigosos para a nosa vida ou cando nos convidan a expoñernos dunha maneira que nos repercute negativamente.

Sabedes onde reside o truco destas plataformas? En facernos crer que somos nós os que dicimos. Non se trata de demonizalas, porque ben usadas poden aportar moitas cousas boas, senón de afrontalas doutra maneira. Por exemplo, o algoritmo non inventa os retos perigosos, senón que os amplifica porque consumímolos. Cada clic é un voto e se premiamos con clics o tóxico, o viral será tóxico.

 

Diferenciar o contido honesto da publicidade: o reto dos usuarios

O mundo das redes sociais non é o mundo que está fóra da nosa casa. É o mundo doutros usuarios que eles representan como queren. E aquí non só importan os filtros, aínda que teñen un enorme peso en como se transmite a beleza e as expectativas irreais de como debe ser nosa cara ou corpo. A cuestión é que moitas veces podemos consumir unha realidade que foi editada por parte do creador de contido.

Vémolo cun exemplo moi simple: un influencer pode vendernos que unhas galletas están moi ricas como unha publicidade. Nós confiamos na súa palabra, gastámonos o diñeiro e resulta que teñen un sabor terrible. Este é un exemplo banal, pero permítenos entender que fácil resulta caer nun mundo que é mentira. Moi poucos perfís nas redes sociais recomendan un produto porque si, porque lles gusta, sen estar contratados para facelo.

Neste punto, hai unha clave: crear contido converteuse nun traballo para moitas persoas. Por iso, quen sobe vídeos ou fotos sabe que ten que facelas atractivas, interesantes para o público; pola contra non terá unha boa aceptación e, por tanto, o seu traballo verase prexudicado. O algoritmo tamén ten parte da responsabilidade, porque non mostra todo, só o que xera interacción. Así, os creadores ven empuxados a repetir fórmulas: mostrar o que funciona. Doutro lado, estamos os consumidores.

Actividade media

Redes sociales na actualidade

As redes sociais cambiaron moito desde a súa creación. Non hai moito, houbo unha época na que os «likes» tiñan moita importancia. Como vedes a situación agora? Subides fotos ou vídeos con regularidade? Tedes moitos seguidores? Vedes algún perigo niso?

 

ENTENDER

Todo o que se publica deixa unha pegada

  • Podemos crer que as redes sociais son como unha conversación cun amigo. Que todo o que subimos queda nesa intimidade. Nada máis lonxe da realidade. Cada publicación pode deixar unha pegada dixital. E, aínda que borres o que subiches, é moi posible que siga existindo nalgún servidor, nunha captura ou no perfil doutra persoa.
  • Cada vez que aceptas os termos e condicións, dás permiso para que os teus datos se almacenen e analicen. Isto non ten nada sinistro detrás, xa que moitas veces emprégase con fins estatísticos ou mesmo publicitarios, pero o problema pode residir en que esquecemos que o que subimos deixa rastro.
  • Está claro que a idade importa. Non é o mesmo ter 14 que 20 anos, pero as redes non entenden de datas. Por iso, existen límites de idade nas distintas APP. Non se trata só de protexer aos menores de contidos desapropiados, senón tamén de protexer o seu futuro e evitar que deixen unha pegada dixital.

 

PROFUNDAR

A culpa dun mal uso de internet tamén e nosa: onde queda a responsabilidade individual?

  • Dicimos que as redes sociais engánchannos, que nos fan perder tempo. E é certo, están deseñadas dalgunha forma para iso. Pero hai outra parte da historia: a nosa responsabilidade persoal. Aínda que o algoritmo téntenos, somos nós quen decido que publicar, que comentar e canto mirar. Non podemos culpar ás redes de todo o que facemos dentro delas.
  • Noutras palabras, Instagram ou Tiktok poden ter unha influencia sobre ti, pero non poden decidir por ti. É máis, o mesmo móbil que utilizas para estar nelas tamén che pode servir para ler, para aprender ou para sacar fotos e crear algo propio.
  • A responsabilidade tamén pasa por aceptar que o que publicamos, di moito de nós. Compartir unha información falsa, burlarse de alguén ou participar nun linchamento dixital non é culpa do algoritmo. É unha decisión. De feito, moitas veces falamos do odio que hai nas plataformas, pero é o odio que xeran as persoas. Antes de publicar ou comentar, podemos preguntarnos: «Isto pode facer dano a alguén?». Isto pode axudar a crear unha contorna máis segura e respectuosa. Ademais, a partir de 14 anos unha persoa ten responsabilidade xurídica, tamén nas redes.
  • Isto vale para as necesidades que as redes xeran en nós. Necesitamos compralo todo?
  • Por iso, culpalas da nosa actuación quítanos poder, porque aceptar a responsabilidade que temos dános un rol activo.

Actividade avanzada

O deber dun influencer

Imaxinade que sodes «influencers» con moitos seguidores e que xorde un reto que consiste en espertar a alguén dunha forma orixinal ou divertida. Aínda que este reto sexa unha broma non senta ben a quen o sofre. Seguiriádelo?