Día internacional dos leopardos das neves: só quedan 4.000 exemplares en liberdade

S. P. REDACCIÓN / LA VOZ

ESCUELA

Pinto & Chinto

O cambio climático e o comercio ilegal poñen en perigo a súa supervivencia

22 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Din do leopardo das neves que é unha das especies máis misteriosas e perseguidas do planeta, pero tamén un dos grandes felinos aos que menos se puido estudar. E preguntarédesvos o porqué. Pois non é porque os científicos non teñan interese, nada diso; a razón que o explica é que son verdadeiramente esquivos, moi difíciles de ver. Son os fantasmas da montaña... Coñecidos tamén como panteras das neves, só viven nas montañas de Asia central (en países como China, Mongolia e a India) e, segundo os cálculos do Fondo Mundial para a Natureza, só quedan uns catro mil exemplares en liberade, polo que están catalogados como especie vulnerable pola organización dedicada á conservación da natureza.

Esa é a razón pola que, dende hai xa dez anos, cada 23 de outubro —é dicir, mañá— celebramos o día internacional do leopardo das neves, para concienciar sobre o complicado estado no que se atopa a especie.

Hai tres motivos que segundo os expertos poderían explicar esta situación: primeiro, os leopardos das neves están ameazados pola caza furtiva; segundo, o cambio climático é o responsable de que perdan o seu hábitat, e terceiro, os conflitos que teñen cos gandeiros e, en gran medida, cos furtivos.

O furtivismo é unha das súas principais ameazas: cada ano morren centos de exemplares por esta actividade ilícita, coa que os cazadores se fan cun gran bote xa que teñen un alto valor no mercado negro como símbolo de riqueza e para coidados naturais. Vaia trapallada, non? Os expertos alertan de que, nas dúas últimas décadas, a súa poboación baixou un 20 %. Amais, e aquí entran en xogo as consecuencias do cambio climático, as previsións para o 2070 indican que os leopardos das neves perderán dúas terceiras partes do seu fogar.

A verdade é que son ben bonitos, por iso —e pola súa función crucial para manter o equilibrio nos ecosistemas da montaña— temos que protexelos. Teñen unhas características moi distinguidas. A súa pelaxe é o suficientemente espesa como para que poidan sobrevivir a grandes alturas, onde as temperaturas (xa vos imaxinaredes) son moi, moi, moi frías. Poden estar a uns 900 e 5.500 metros de altitude! Tamén as cores do seu pelo teñen a súa importancia na súa supervivencia, pois o gris mesturado con grandes manchas negras permítenlles camuflarse no entorno de roca no que viven.

Moitas veces teñen que recorrer grandes distancias para buscar alimento, e é aí cando entran en conflito cos gandeiros, ao comer os seus animaliños...

A misión é salvar o leopardo das neves. Propóñovos un xogo: coas características que vos contei, debuxade cada un o voso exemplar, a ver como volo imaxinades!