La Oreja de Van Gogh: a volta dun clásico entre disputas

L. Cancela LA VOZ DE LA ESCUELA

ESCUELA

La Oreja de Van Gogh, en su nueva etapa
La Oreja de Van Gogh, en su nueva etapa REMITIDA AL ROIG ARENA | EUROPAPRESS

O célebre grupo recupera a vocalista coa que comezara na primeira década do século XXI e as redes debaten: Amaia ou Leire?

22 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

É posible que o virades na tele, en Internet ou que oirades algo na radio: La Oreja de Van Gogh (LODVG) volve con Amaia Montero. Pero se non sabedes quen son nin por que este regreso xerou tanto balbordo, aquí ímolo explicar paso a paso. Seguro que os vosos irmáns maiores, pais ou tíos os escoitaban. Os fans da primeira década do século XXI víveno con nostalxia, mentres que moitos adolescentes están a descubrir agora as súas cancións.

Quen son?

É un grupo de pop español formado en San Sebastián nos anos noventa. Está formado por Xabi San Martín, Pablo Benegas, Álvaro Fuentes e Haritz Garde. A súa primeira cantante foi Amaia Montero, e con ela acadaron unha sona enorme tanto en España como en América Latina.

Por que tiveron éxito?

Porque as súas cancións falaban de sentimentos universais: amor, desamor, nostalxia e amizade. Temas como La playa, Rosas, 20 de enero ou Puedes contar conmigo marcaron a adolescencia de toda unha xeración no seu momento. Venderon millóns de discos, gañaron premios internacionais e soaban constantemente na radio cando aínda non existían plataformas como Spotify ou TikTok.

Cando cambiou todo?

No ano 2007, Amaia Montero anunciou que deixaba o grupo porque quería empezar unha nova etapa en solitario. Segundo contou despois en entrevistas, non foi por unha gran pelexa, senón por desgaste, diferenzas creativas e a necesidade de ter máis liberdade persoal. Os outros catro membros decidiron continuar co grupo, o que marcou un antes e un despois.

E como o fixeron?

Aquí entra Leire Martínez. Logo da marcha de Amaia, os integrantes de LODVG buscaron unha nova cantante. Elixiron a Leire, que se deu a coñecer no programa Factor X. Con ela publicaron o disco A las cinco en el Astoria (2008) e apostaron por soar como antes, só que cunha voz diferente. Ao principio, moita xente botaba de menos a Amaia. É normal, pensa como te sentirías se o teu grupo favorito xa non tivese o mesmo cantante. Non obstante, co tempo e os temas que crearon con ela, Leire gañou o agarimo do público.

E por que marchou logo?

Aquí empeza a polémica. En outubro do 2024, o grupo publicou un comunicado nas redes sociais e na súa páxina web anunciando que Leire e a banda seguirían camiños separados. Dicían que tomaran a decisión «tras moito tempo de reflexión e profundas conversacións» e que xa había «diferentes maneiras de vivir o grupo». Ata aí, todo parecía un acordo amigable. Pero pouco despois, Leire aclarou publicamente que non asinara ese comunicado e que non se sentía cómoda con algunhas das cousas que se dicían nel. Explicou que o texto non reflectía a súa versión do ocorrido e pediu respecto aos fans. Desde entón, falouse moito sobre se houbo desacordos internos ou tensións entre os membros.

Por que volve Amaia?

No 2024, cando se anunciou a saída de Leire, xurdiron rumores do regreso de Amaia e falouse de que a saída de Leire estaba planeada. Con todo, o grupo nunca confirmou esta versión.

Que está a pasar estes días?

A semana pasada, o grupo anunciou o regreso de Amaia Montero como vocalista, e este luns saíron as entradas para a xira que farán no 2026. Isto dividiu os fans. Algúns están moi contentos pola volta de Amaia, mentres que outros non están de acordo con como o fixo o grupo con Leire.

Actividade básica

En Spotify

Seguro que, aínda que non coñezades ningunha canción de LODVG, nalgún momento escoitastes algunha. Creade unha lista de reprodución en clase cos seus temas que máis vos gusten.

O fenómeno fan sempre existiu, pero de maneira diferentecomezos do s. XXI

Nos últimos anos, La Oreja de Van Gogh non lanzou cancións que se convertesen en grandes éxitos, pero o certo é que, para moitos, pasen os anos que pasen, sempre serán a banda sonora dunha xeración. En España, temos outros grupos que marcaron etapas vitais de moita xente: é o caso de Mecano ou dos Hombres G. Ás veces, sucede que ademais dunha música pegadiza, un grupo logra conectar profundamente cos fans. O máis habitual é que este fenómeno estea formado por xente nova, que conecta aínda máis co cantante neste caso. Non se trata só de que lles guste o seu traballo: os fans víveno intensamente, deféndeno, seguen a súa carreira artística, van a concertos, compran o seu merchandising, crean contas en redes sociais para apoialos e ata se organizan para votar ou facer campañas no seu favor nuns premios.

Con LODVG ocorre o mesmo que con Aitana na actualidade, só que na primeira década do século XXI, cando o grupo estaba no máis alto, o fenómeno fan se vivía doutra maneira. Non existían as redes sociais de hoxe, a información do artista favorito chegaba moitas veces a través de revistas sobre a música pop e mostrábaselles o apoio con cartas, correos e formando parte dos clubs de fans oficiais.

É probable que, cando vós sexades adultos, tamén teñades un artista que vos lembre a vosa mocidade e que o continuedes apoiando co paso dos anos, se a súa carreira musical segue activa.

Máis aló de cantar: de actrices a modelos

Karol G
Karol G Brendan McDermid | REUTERS

Durante décadas, ser cantante significaba subirse a un escenario, gravar discos e vivir das vendas e as xiras. Ese modelo transformouse por completo. En pleno 2025, moitos artistas xa non se conforman con ser só cantantes: tamén son actores, modelos, influencers e marcas. O negocio da música cambiou e, con el, a forma en que entendemos o éxito.

Un exemplo claro é Karol G, unha das artistas máis influentes do panorama actual. Este ano fixo historia ao desfilar no Victoria’s Secret Fashion Show 2025 non só como cantante convidada, senón tamén como modelo de pasarela. Este fenómeno non é completamente novo, pero si é máis intenso ca nunca. Nos anos noventa e nos primeiros do século XXI era habitual que algunhas estrelas desen o salto á interpretación ou fosen protagonistas de campañas de moda, pero hoxe eses movementos son moito máis frecuentes.

Isto débese a que a industria musical se diversificou. A razón? Véndense menos discos físicos e os artistas gañan menos por cada canción que reproduce unha persoa. Isto non significa que un cantante sempre teña que facer publicidade ou que non poida vivir da música, senón que hai moitas outras opcións que poden explorar. Outro exemplo para entender esta situación pode ser Aitana, quen, ademais de cantar, protagonizou unha serie e unha película; ou Sebastián Yatra, quen ademais de cantante, tamén foi actor e é asesor do programa de televisión La voz, de Antena 3.

As redes sociais explican como se acelerou este proceso, porque plataformas como TikTok ou Instagram amosaron que un cantante non só interesa pola súa voz, senón tamén pola vida que o rodea. Esa proximidade xera unha conexión inmediata cos fans e reforza a idea de comunidade. Pero tamén converte o artista nun produto global. Xa non se trata só de cantar ben, senón de saber comunicar ou proxectar unha imaxe. Este cambio ten vantaxes, como variar as fontes de ingresos ou ofrecer outras saídas. Pero, ao mesmo tempo, o intérprete corre o perigo de ser percibido como alguén máis preocupado pola súa imaxe que pola súa música.

O poder da viralidade: revivir un tema de hai máis de 60 anos

Todas as cancións que escoitas son novas? Lanzáronse recentemente ou hai algunha que poida considerarse antiga? Hoxe en día, é suficiente con que TikTok viralice un tema antigo como para que volva soar en todas partes e estea nas listas de reprodución dos temas máis escoitados. Isto antes sucedía coa radio, coas vendas de discos ou coa promoción. Agora as redes sociais cambian a forma de descubrir música e o impacto que xera. De feito, unha canción pode permanecer anos sen destacar e, de súpeto, alguén a usa nun vídeo curto para un baile, unha transición ou un meme, e empeza a aparecer en miles de vídeos, faise viral, os algoritmos recoméndana a máis usuarios e o que era un éxito do pasado se converte no que todos escoitan agora. Por exemplo, a canción Pretty Little Baby, de Connie Francis, publicada en 1962, converteuse nun fenómeno viral en TikTok no 2025, e miles de vídeos usárona como banda sonora, o que a levou a entrar nas listas da plataforma. Isto é xenial para os máis novos, quen por idade poderían perderse éxitos de moita calidade, e agora poden escoitalos, ademais de descubrir estilos musicais que xa non son tendencia na actualidade.

E ollo, que este fenómeno tamén importa para os novos temas. Para as discográficas, a viralidade supón unha nova estratexia: non basta con lanzar un sinxelo, se está nas redes, mellor.

Actividade media

O amor na música

Escolle unha canción. Pode ser de La Oreja de Van Gogh ou doutro artista, pero ten que falar do amor. Despois, analiza o que di. As cancións de amor reflicten a realidade ou idealízana? Credes que ten algo que ver cunha canción de amor de hai 40 anos?

ENTENDER: a fusión de xéneros está de moda

  • A música en español está a vivir unha revolución sonora. O que antes parecía impensable —fusionar flamenco con «reggaeton» ou «trap» con pop— agora é unha realidade que arrastra a miles de oíntes en todo o mundo. Esta mestura de xéneros non só está a redefinir o panorama musical, senón que tamén leva a canción en español a novas alturas internacionais.
  • Artistas como Rosalía foron pioneiras nesta fusión. O seu álbum «El mal querer» (2018) combinou flamenco con «trap» e «reggaeton», creando un son único que a catapultou ao éxito global. Desde entón, a tendencia creceu.
  • Ademais, artistas como Bad Bunny continúan levando a música en español a novas fronteiras. O seu álbum «Debí tirar más fotos» (2025) mestura «reggaeton», salsa, «hip-hop» e pop mentres mantén as súas raíces portorriqueñas. Escoitades máis música en inglés ou en castelán?

Profundar: Que significa ser artista hoxe en día? Ter unha boa voz non é o único requisito

Que é ser artista hoxe en día? Podemos ver que hoxe non basta con ter boa voz ou compoñer cancións. Moitos artistas constrúen a súa carreira amosando quen son en TikTok, Instagram ou YouTube. A interacción cos fans é case tan importante como a música en si. Proba diso é que moitos cantantes soben vídeos ás redes sociais contando como se maquillan ou ensinando como compoñen as súas cancións.

Ademais, parece que ser artista hoxe pode incluír cantar, compoñer, actuar, modelar, colaborar en moda, facer contido para redes e ata dirixir a propia marca persoal. É un perfil moito máis amplo que o do músico tradicional.

Hai artistas que non teñen voz. Existen cantantes cuxas letras poden ser moi boas e as súas cancións moi pegadizas, pero que é innegable que non teñen unha boa voz. Con todo, os seus temas conectan cos fans e poden encher estadios.

Á de ser artista, hoxe en día súmase unha dificultade: a intelixencia artificial está a cambiar a música porque pode xerar ritmos ou producir voces sintéticas. Permite que alguén que no pasado non tiña ferramentas hoxe poida experimentar algúns sons. Semella que o talento e a creatividade están a redefinirse. Ao final, a pregunta que queda no aire é: para ti, ser artista é só cantar, ou tamén contar historias, mostrar personalidade e conectar con outros de formas creativas e dixitais?

Actividade avanzada

A IA e a creatividade

Dividide a clase en dous grupos. Un debe estar a favor da IA e defender que potencia a creatividade. O outro, en contra, e debe defender que a IA substitúe a creatividade. Preparade os argumentos durante dez minutos e debatede.