Os creadores e difusores de loiadas teñen novos aliados: as ferramentas de xeración de vídeos e imaxes a partir dunha breve descrición de texto
22 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.No X Congreso Internacional de la Lengua Española, celebrado en Arequipa, Perú, hai uns días, lanzaron unha mensaxe de alerta sobre o que está a acontecer en internet e nas redes sociais e na mensaxería coas loiadas: «Estamos ante unha pandemia».
É un titular esaxerado? Non. As noticias falsas son tan vellas coma a humanidade, pero nunca circularon tantas, con tanta frecuencia e tanto alcance como nestes tempos. Os algoritmos que deciden o que se ve e o que non nas redes non diferencian entre contido verdadeiro e fraudulento.
Vímolo coa dina, co apagamento ou coa guerra de Gaza, xa non hai catástrofe ou crise sen que a acompañe unha avalancha de desinformación. E a situación empeora. Por que? Pola eclosión do uso da intelixencia artificial.
Moita xente usa ChatGPT ou asistentes similares para preguntarlle de todo. E Google mudou. Antes era un buscador. E agora converteuse nunha máquina de respostas. Á maioría das procuras que fas alí xa non teñen como resultado unha serie de enlaces a diferentes páxinas, senón un resumo feito pola súa IA. Adoitan acertar? Depende. Os datos de diferentes estudos falan dunha tendencia preocupante. Dende que poden consultar información en tempo real na rede, fallan máis. A razón? Hai moita xente producindo contidos falsos ou torcidos co formato adecuado para que os chatbots repiquen os seus enfoques e os seus feitos alternativos. E alguén garante a veracidade do que escribe a IA? Non. As plataformas non se fan responsables.
Vídeos reais e falsos
Os creadores e difusores de loiadas teñen novos aliados, as ferramentas de xeración de vídeos e imaxes a partir dunha breve descrición de texto. A industria das mentiras aproveita as súas capacidades para inundar internet de contidos que poden parecer reais, pero que poden ser completamente falsos. Un exemplo é a foto que vedes neste artigo, feita en segundos coa axuda dun destes asistentes de IA. É falsa.
Tamén invita a reflexionar un vídeo recente de Donald Trump. Amosa ao presidente de Estados Unidos cunha coroa de rei pilotando un avión e botando xurro por riba dos manifestantes que critican a súa deriva autoritaria. Foi feito con intelixencia artificial e serviu como arma política.
Hai máis casos de usos preocupantes? Si. Nos últimos tempos proliferaron as páxinas web feitas por completo con intelixencia artificial que fan de vampiros. Collen historias reais, as transforman sen respectar nada e logo aparecen nos resultados das procuras, deixando sen espazo as novas de verdade.